Dirixido a profesores do ámbito científico – tecnolóxico

Un curso presenta as actividades manipulativas como o xeito de aprender facendo

Está organizado dende a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 30/04/2008

"Intentar que os alumnos fagan ciencia e non só a reciban", así define José Benito Vázquez, profesor da ETSE de Minas o curso que impartirá a partir do 7 de maio no Edificio de Ferro. Trátase dunha actividade dirixida aos profesores do ámbito científico-tecnolóxico coa que se pretende dar a coñecer as múltiples posibilidades que ofrecen as actividades manipulativas como método de aprendizaxe.
Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación educativa, os contidos do curso van dirixidos a presentar unha serie de ferramentas como son as actividades manipulativas e as vantaxes e posibilidades que ofrece o seu emprego na docencia sobre contidos científicos e tecnolóxicos. Estas actividades consisten “no uso de algún tipo de material, moitas veces cotiá, ben nunha clase maxistral, ben como desafío para os alumnos a nivel individual, ou ben para desenvolvemento colectivo. Basicamente son experiencias de cátedra para intentar que os alumnos fagan ciencia e non que só a reciban, levando, por exemplo, un experimento que apoie unha explicación” explicaba Vázquez. No mundo anglosaxón “esta metodoloxía pedagóxica de aprender facendo, ten moita tradición, aínda que en Europa non tanto” comentaba o profesor.

Un curso semipresencial

Esta é a segunda vez que se imparte o curso, a primeira fíxose en Vigo, onde, segundo a avaliación posterior, os resultados foron moi positivos, se ben varios participantes suxeriron a posibilidade de reducir o número de horas presenciais, factor que se intentou corrixir nesta edición. En vez de 20 horas de clase presenciais, coma na primeira edición, dividiuse en 10 presenciais, nas aulas e eminentemente prácticas, e outras 10 horas de clase virtual, a través da plataforma TEMA, dirixidas sobre todo a explicar contidos, facer un seguimento e a pór en marcha un foro de participación. “Despois, induciremos ao profesorado participante a crear unha actividade específica para as materias que imparten”, explicou José Benito Vázquez, “o ano pasado case todos aceptaron o reto e buscaron a información necesaria, construíron e incluso presentaron as súas actividades na clase” puntualizou.
En canto á orixe do curso, “foi o proxecto europeo Hands-on Science que coordinei en Vigo hai uns anos para, precisamente, potenciar o emprego de actividades manipulativas nas aulas. Toda esa información e experiencia que recompilei ao longo dos tres anos que durou, foi o xerme desta iniciativa” finalizou Jose Benito Vázquez.