As xornadas "Dous de fronte" sitúan a Ourense na vangarda galega da educación viaria

Terán lugar entre os días 5 e 9 de maio no Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/04/2008

Co xogo de palabras, Dous de fronte, presentáronse as I Xornadas de Educación Viaria, que contan cun completo programa que inclúe intervencións de relatores de prestixio internacional. Co fin de facer unha achega á realidade dos accidentes de tráfico dende todas as perspectivas, as xornadas, que terán lugar entre os días 5 e 9 de maio, queren converterse nun foro de referencia sobre a concienciación e información dunha das principais causas de mortalidade entre a xuventude. Organizadas polos CAEF de Ourense, a Vicerreitoría do campus, o Gabinete Psicopedagóxico e a asociación para a Prevención dos Accidentes de Tráfico, contan ademais coa colaboración do Concello de Ourense, a Tenencia de Alcaldía e a RACC.
A celebración destas xornadas naceu “da propia demanda do alumnado, xa que aínda que son os mozos os que máis morren nas estradas, tamén son os que máis concienciados están, pois non é certo que todos conduzan facendo o tolo e bébedos” explicou o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, quen engadiu que “a clave sobre o interese dos estudantes no tema foi o motivo da celebración do obradoiro que tivo lugar no primeiro cuadrimestre sobre Educación Viaria e que completou as súas prazas en dous días” dixo.
A concelleira de Educación de Ourense, Ana Garrido, amosouse de acordo con que “aínda que asistimos a demasiados sinistros graves, froito da combinación entre a velocidade é o alcohol, estase vivindo un cambio social importante que invita ao optimismo. Son os propios mozos os que demandan educación ao respecto e se converten en sinónimos de preocupación e responsabilidade á hora de desprazarse” dixo.
Angélica Ferro, técnica do Gabinete Psicopedagóxico, e coordinadora das xornadas, explicou que “somos un novo servizo de apoio e asesoramento aos universitarios e, polo tanto, tiñamos que estar con eles para responder á demanda destas xornadas. A prevención dos accidentes é unha gran demanda social e a partir de agora este campus vaise caracterizar por un alumnado responsable e concienciado neste eido” subliñou.
Pola súa banda, Fernando Varela, concelleiro de Seguridade Cidadá e Tráfico, comentou que ““en España morreron nos últimos 10 anos 18.000 mozos nas estradas, algo moi grave sobre o que temos que preocuparnos. Con iniciativas como esta temos que tentar corrixir esta criba que ocorre cos accidentes”, pero puntualizou que “nas últimas estatísticas dos controis de alcoholemia, os que máis exceden do límite permitido son os maiores de 30 anos, pese a que os mozos levan a fama desta crúa realidade. Para Máximo Cid, presidente de PAT Galicia, falamos “dun problema de orde social, que deixa máis mortos e feridos que calquera guerra”.

Un completo programa

As xornadas terán lugar entre os días 5 e 9 de maio no salón de actos do Edificio Politécnico e contarán cun completo programa. “A talla dos comunicantes e os contidos que se presentan, convértenas nas de maior calidade das celebradas en Galicia” explicou Ana Garrido, que destacou a presenza nelas “da Dirección Xeral de Tráfico, concellos de referencia en canto a mobilidade como San Sebastián e Tarragona, a Universidade de Valencia, o RACC, persoal técnico do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, do mundo do Dereito, da Garda Civil, das autoescolas, dos voluntarios, ou do grupo de traballo de Educación Viaria do Concello de Ourense”. Ademais, tamén intervirán “relatores como Ole Thorson, presidente do Consello Europeo de Peóns; Vicente Sánchez, padre coraxe da seguridade viaria; Raquel Navas, psicopedagoga da DXT, ou Rubén Cela, director xeral de Xuventude, entre un longo etcétera” matizou.
Tamén, e “como novidade en Ourense, realizarase un simulacro de accidente de tráfico nos terreos do campus o último día no que intervirán os bombeiros, a policía local, protección civil, membros do 061, alumnos das aulas de teatro universitarias e do obradoiro de efectos especiais” engadiu Máximo Cid, que engadiu que ningún dos comunicadores “cobra nin un céntimo por vir”.

Máis información para os interesados

As xornadas, que están dirixidas tanto a membros da comunidade universitaria como á sociedade en xeral, terán unha duración total de 30 horas e validaranse con 2 créditos de libre elección. A inscrición é totalmente gratuíta e pode facerse na páxina web www.caefourense.com, onde tamén se atopa o programa completo, dirixindo un email ao enderezo psicogabinete@uvigo.es indicando os datos persoais e DNI, ou no teléfono 988368913.