A competición rematará o domingo coa entrega de premios no pavillón universitario
400 deportistas de toda España reúnense en Ourense no 8º Torneo InterInformáticas
O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, no acto de inauguración do torneo, animou aos asistentes, moitos deles procedentes da súa Granada natal, “a que, como compañeiro voso que son, licenciado en Informática, o pasedes ben e disfrutedes da vosa estancia na cidade, do bo tempo e que gañe o mellor”. Ademais, engadiu que “quero darvos a benvida, agradecervos a vosa viaxe ata aquí” e aproveitou para animar “aos que aínda non rematastes a carreira, a vir de intercambio á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, a través de bolsas Séneca”.
Pola súa banda, o director da Escola, Enrique Barreiro, reiterou benvida aos asistente e sumouse ao vicerreitor “á hora de animarvos a que veñades facer aquí algún curso ou un máster. Tanto Gálvez coma eu viñemos para aquí hai 17 anos, para estar un ano, el dende Granada e eu de Vigo, e aquí seguimos, polo que non descartedes esa opción. A nosa oferta formativa é moi boa e vai mellorar” engadiu.
Un torneo dominado polo compañeirismo
O obxectivo deste torneo, aínda que é unha competición deportiva, é fomentar valores coma o compañeirismo, a solidariedade e o xogo limpo. En nome da organización, Juan Manuel Fernández explicou que “é o xeito que temos os informáticos de todo o país para xuntarnos e manter a relación. Xa que sempre nos tachan de frikis, que se vexa que tamén facemos deporte e sabemos divertirnos” engadiu.O torneo, que remara este domingo ás 21.00 horas no pavillón universitario coa entrega de trofeos, naceu en 2001 tomando como referencia as competicións das escolas de Enxeñaría Industrial que levaban anos celebrándose. Dende ese primeiro ano en Valencia, organizaron a competición Barcelona, Murcia, Granada, A Coruña, San Sebastián, e Ourense, nesta oitava edición. “A vindeira cita, o ano que vén, será en Valladolid”, adiantou o organizador.