Segundo explicou o seu coordinador e vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area
Obxectivos cumpridos no primeiro ano en funcionamento do proxecto Ronsel
O relatorio tivo lugar no marco do “II Congreso de Patrimonio no século XXI”
Logo de preto dun ano de funcionamento, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, fixo xa un primeiro balance da posta en marcha do proxecto Ronsel, unha iniciativa destinada á recuperación do patrimonio inmaterial galego. Segundo destacou Area no transcurso do II Congreso de Patrimonio no Século XXI, puxéronse xa en marcha os principais eixos do programa con excelentes resultados.
A este respecto, o vicerreitor e coordinador do proxecto, acompañado por Juan Francisco Gálvez, sinalou que ao longo de todo o ano pasado, dende Ronsel desenvolveron múltiples actividades, entre as que destacan “tres fundamentais: o Plan Estratéxico para Patrimonio Cultural Inmaterial, a Mostra de Patrimonio Inmaterial, e a posta en marcha dun portal, que sendo ambiciosos queremos chamar plataforma global de difusión do patrimonio cultural inmaterial”.
Cando comezou o traballo, “xurdiron entre nós unha serie de debates teóricos moi fortes, como por exemplo, a inscrición territorial. Somos conscientes de que as actuais fronteiras xeográficas non sempre coinciden coas fronteiras culturais. Convén ter unha forma de ver o patrimonio que vaia máis alá das fronteiras administrativas” explicou, “xa que temos que ter unha visión global a todos os niveis”. Ademais, dada a densidade de traballo, elaborouse un plan de traballo con sete obxectivos básicos: identificación, documentación, investigación, protección, promoción, transmisión e difusión do patrimonio.
En canto ao Plan Estratéxico, a idea era fixar políticas de acción a curto, medio e longo prazo. Para logralo, “fixemos unha división en prol da operatividade, dada a amplitude do patrimonio inmaterial, seguindo as directrices da Unesco. Os cinco grandes grupos de traballo foron a tradición e expresión orais, as artes e espectáculos, os usos sociais, rituais e actos festivos, os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo e as técnicas tradicionais artesanais” explicou Area. Un total de 50 especialistas, dez por grupo, nos que estaban representados todos os sectores relacionados, comezaron a analizar a situación do patrimonio inmaterial, as dificultades, ameazas, fortalezas e oportunidades que se presentaban, para plasmalas en liñas de acción concretas.
Actividades de proxección externa
En canto á Mostra de Patrimonio Inmaterial, que tivo lugar en Pontevedra entre os días 7 e 9 de novembro, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, e Ponte nas Ondas, Area explicou que “construímos un espazo de xeito que cada perspectiva visual dos visitantes estivera ocupada por unha actividade, para que a xente estivera moi activa e participara. O obxectivo era que percibira o patrimonio como algo global, aínda que estivera presentado seguindo a distribución por ámbitos” dixo. Grazas aos relatorios e á representación de oficios, entre os que o vicerreitor de Relacións Institucionais destacou “a un artesán que ao longo dos días que durou a Mostra foi construíndo unha gaita, que tocou na última xornada”, desmitificouse a idea de que o patrimonio inmaterial é cousa do rural. “Ademais, como Universidade innovadora que somos” explicou, “todo foi retransmitido en directo pola Uvigo TV”.Como parte da proxección externa naceu tamén o portal web, un punto de encontro virtual “entre persoas que traballan no patrimonio, que interactúan con outro tipo de usuarios” comentou Area. Contidos didácticos, foros de debate, acceso directo ao coñecemento dos portadores son algúns dos elementos que ofrece, “así como un mapa espacial do patrimonio no que, xogando con Google Maps, podemos atopar os lugares que nos interesan e acceder a contidos visuais e audiovisuais” engadiu o coordinador de Ronsel.
En canto ao futuro, “teremos que abordalo tendo en conta o marco social e económico que nos rodea, principalmente a Eurorrexión e a Unión Europea, pero sobre todo, temos que elaborar un tecido empresarial ao redor do patrimonio para que o manteña vivo e non dependa das institucións” comentou. E para finalizar, Iván Area referiuse á posible celebración da Universiada de 2013 en Vigo, para concluír que“se cando se fan uns Xogos Olímpicos o país anfitrión establece unha serie de deportes ao marxe das disciplinas oficiais, se somos escollidos como sé, propoño que establezamos os xogos tradicionais”.
Unha iniciativa conxunta
Co obxectivo de documentar, investigar e poñer en valor o patrimonio inmaterial galego, xorde o proxecto Ronsel froito da colaboración entre as consellerías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento, e das tres universidades da nosa comunidade, comezou a funcionar en 2007 con excelentes resultados.Area apuntou que, segundo a definición da Unesco, “o patrimonio inmaterial comprende usos e empregos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, así como os instrumentos, os artefactos, os obxectos e os espazos asociados a esas prácticas e que as comunidades, os individuos e os grupos recoñecen como parte integrante da súa cultura”. Polo tanto, “fronte a un patrimonio que estivo monopolizado máis ben por unha idea de bens artísticos e monumentais, accesibles dende, unicamente, intermediarios autorizados, xurde o patrimonio inmaterial que establece que cada quen participa na construción do legado e que os seus creadores e intérpretes medran co intercambio e a transmisión”, explicou. “Este patrimonio, por tanto, transmítese de xeración en xeración, e é recreado constantemente, xa que no fondo ten un sentimento de identidade que asumimos como propio” explicou.