Na súa 2ª edición, conmemora o centenario do nacemento de Xaquín Lorenzo “Xocas”

O congreso “Patrimonio no século XXI” bota a andar co obxectivo de reivindicar o valor da etnografía galega

No salón de actos do Edificio Politécnico ata o 28 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 23/04/2008

Co obxectivo de poñer en valor a riqueza etnográfica de Galicia, botou a andar a segunda edición do Congreso de Patrimonio no século XXI, que este ano conmemora o centenario do nacemento de Xaquín Lorenzo “Xocas”. Tradicións, oficios, xogos populares, cantigas, romarías, crenzas e lingua, centrarán, ao longo dos cinco días que abarcan as xornadas, os discursos tanto dos investigadores en patrimonio inmaterial, como dos portadores que manteñen vivo todos este legado. Ao acto de inauguración, celebrado no Edificio Politécnico, acudiron representantes da Facultade de Educación, da Deputación de Ourense, de Nova Escola Galega, e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, todas elas, colaboradoras na realización do congreso.
O presidente da Deputación Provincial, Jose Luis Baltar, explicou que “as raíces dun pobo aséntanse nos seus costumes e tradicións, polo que o legado etnográfico serve como testemuño da evolución dunha poboación. Ourense caracterízase por contar cunha importante xeración de etnógrafos dedicados ao estudo do noso entorno” dixo. Destacou nese eido, “o traballo de Xaquín Lorenzo, o noso admirable Xocas, hoxe homenaxeado, que nos deixou un máis que importante traballo etnográfico, que nestes momentos serve para que outros investigadores analicen a vida dos nosos antepasados. Foi un dos precursores en arqueoloxía, destacou na súa labor de escavación de castros, catalogou e estudou igrexas, mámoas e outros elementos patrimoniais dende as múltiples frontes nas que traballaba” comentou.
Engadiu tamén Baltar que “todo o que constitúe a identidade e a cultura dun pobo é o que nos permite coñecer quen somos e de onde viñemos. A Deputación non é allea a esta realidade e dende sempre vén apostando por incentivar esta investigación para o que apoia o labor a través de iniciativas como este congreso” dixo. Ademais, apelou á importancia de que as administracións públicas colaboren para “non só salvagardar o patrimonio, senón tamén dalo a coñecer”, e comprometeuse a publicar os traballos que no congreso se recollan “para poñelos ao servizo de xeracións futuras”.

Un programa moi completo

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, falou en nome da organización local para dicir que “puxemos todo o empeño posible en que este congreso tivera o mellor plantel”, polo que invitou a todo o mundo “a aproveitar as partes teóricas que pioneiros en antropoloxía van impartir”. Remarcou tamén que as conferencias non só as darán investigadores na materia, “senón que tamén estarán presentes esas persoas que conservan e dan a coñecer as tradicións e que chamamos portadores: regueifeiros, contacontos ou animadores de xogos populares, e ademais estarán representados os directores das diferentes casas museo de Galicia, como depositarios do patrimonio” dixo.
María Dolores Candedo, vicepresidenta de Nova Escola Galega, amosou a súa satisfacción pola colaboración “no reto de pór en marcha este congreso, en vista do éxito da primeira edición e da importancia da posta en valor de todos os elementos do noso patrimonio” dixo, e engadiu que será “un punto de encontro para investigadores en etnografía, que seguro que satisfará plenamente as vosas expectativas, xa que o programa é moi completo, case de luxo, e que ten unha temática de altura con relatores a ese mesmo nivel”.

Cambios no programa

Sobre o programa establecido, Xosé Manuel Cid explicou certas variacións de última hora. “Xa que o venres tiñamos unha xornada moi cargada, decidimos pasar o obradoiro de xogos populares á tarde, a partir das 16.00 horas, facéndoa coincidir coas V Xornadas Interxeracionais nas que alumnos das aulas de maiores da cidade, estudantes dos colexios de primaria e universitarios xogarán no campus xuntos” explicou.
Ademais e como “dende a Xunta só nos recoñeceron aos profesores catro horas diarias de formación pola asistencia ao congreso, as comunicacións de experiencias, tanto do venres coma do luns, comezarán ás 17.00 horas e non ás 16.00 como estaba previsto” dixo.
Por último, e para os que teñan pensado desprazarse pola súa conta para participar nas actividades do sábado, o vicedecano avisou de que “sairemos ás 9.00 horas cara Vilanova, para visitar a exposición do proxecto Reigame, pero despois, en vez de ir a Vilar de Santos, iremos ata Allariz, onde Xan Carmona impartirá, na Casa do Maior, a conferencia que estaba planeada para última hora. Despois realizaremos a visita ao Parque Etnográfico do Arnoia e partiremos cara Vilar de Santos, onde veremos o Museo da Limia”.