Nas II Xornadas “Historia, cultura e Dereito”, enmarcadas nos cursos de extensión universitaria
Expertos en Dereito reúnense en Bande para debater sobre a nova lei que regula os contratos públicos
Terán lugar os días 25 e 26 de abril na Casa do Concello
Destacados expertos en Dereito Administrativo reuniranse os vindieros días 25 e 26 de abril en Bande para participar no curso de extensión universitaria sobre Os contratos do sector público en España, regulados recentemente pola Lei 30/2007 que nuns días entrará en vigor, e que suporá importantes transformacións neste ámbito. Enmarcado dentro do convenio de colaboración entre o Concello de Bande e a Universidade de Vigo, o curso corresponde á segunda edición das Xornadas de Historia, cultura e Dereito, e conxuga conferencias de primeiro nivel con actividades de lecer para a posta en valor da zona da Baixa Limia.
Roberto Bustillo, vicedecano da Facultade de Dereito e director do curso, comentou que “os obxectivos das xornadas veñen impostos pola súa pertenza aos cursos de extensión universitaria, que teñen a dobre función de sacar a universidade á rúa e de levar a rúa á universidade”. Concretamente, “nós queremos combinar o estrictamente académico, limitándoo ás mañás, co social e cultural, dedicando as tardes a actividades lúdicas como un cine forum sobre a contratación e o emprego público na película El ladrón de bicicletas, e unha visita guiada ao Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés e ao mosteiro de Celanova”, explicou. Cúmprese así a dobre finalidade, “de estudar a nova Lei 30/2007 que regula os contratos do sector público, e de coñecer a zona do Concello de Bande, unha das máis ricas de Galicia dende o punto de vista natural”, engadiu.
A iniciativa de realizar unhas Xornadas sobre Historia, Cultura e Dereito, naceu o ano pasado cando “o propio Concello de Bande nos propuxo realizar conxuntamente unha actividade como un proxecto de colaboración entre as dúas entidades. Decidín entón organizar un curso alí que tivera que ver directamente coa rexión e o seu patrimonio cultural” dixo o vicedecano. De aí xurdiron as xornadas, “abertas a todo o mundo, aínda que dirixidas a estudantes de Dereito e Historia, e nas que visitamos as ruínas do campamento romano de Bande e a igrexa de Santa Comba” explicou.
Nesta segunda edición, sen embargo, “o contido é diferente, aínda que se mantén a mesma estrutura e lugar, a Casa do Concello, o programa e a temática son moito máis técnicos e, polo tanto, están enfocados a estudantes e profesionais do Dereito, que son a maioría dos inscritos” engadiu. Precisamente, respecto ao número de matriculados, Bustillo amosouse moi satisfeito, xa que “se ofertaron 60 prazas, que é a capacidade do salón de actos no que se vai realizar o curso, pero se preinscribiron máis e tivemos que aumentar un pouco o número de prazas, porque era unha mágoa deixar a xente interesada fóra” dixo. Grazas á colaboración da Vicerreitoría do campus, do Concello de Bande e do Colexio de Avogados de Ourense, a matrícula foi gratuíta para todos, ademais de que "os que o solicitaron, ao redor de 40, tamén terán o transporte dende Ourense e a comida de balde” apuntou.
Un elenco de relatores do máximo nivel
As xornadas, contarán coa presenza de conferenciantes “dun nivel académico moi alto. Como dato, entre todos os participantes están os autores de 25 edicións dos dous manuais de Dereito Administrativo máis coñecidos, e de 23 edicións de 16 monografías de Contratación Pública” dixo.Entre os relatores máis destacados, Bustillo salientou que “teremos entre nós a dous dos xuristas en activo en universidades máis importantes como poden ser o catedrático da Universidade de León, Fernando Sosa, ou catedrático emérito da UNED, Ramón Parada. Este último é o autor dun dos manuais en dereito administrativo máis coñecidos, e que conta con 16 edicións, e ademais é de familia ourensá, polo que está encantado de participar” dixo. “Tamén contaremos cunha letrada do Tribunal Supremo, Paz Menéndez, e con representantes da xustiza local e estatal” engadiu, e destacou que “o feito de xuntar a persoas deste nivel intelectual de toda España, nun pobo de Ourense ten un mérito enorme, e é unha gran oportunidade para os alumnos”.