O presidente do Consello Social e o vicerreitor do campus foron os encargados de inauguralas

Comezan con éxito as “Xornadas sobre metodoloxías docentes en Dereito Romano”

Expertos españois e italianos debaterán sobre o tema ao longo do mes de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 09/04/2008

Expertos italianos e españois no eido do Dereito Romano compartirán experiencias no proceso de adaptación ao EEES nas Xornadas sobre metodoloxías docentes activas en Dereito Romano que se celebrarán ao longo do mes de abril. Organizadas pola Facultade de Dereito, este mércores tivo lugar o acto de inauguración que contou coa presenza de Emilio Atrio, presidente do Consello Social, do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, a decana da facultade, Inés Iglesias, a concelleira de Cultura, Isabel Pérez e os co-directores do curso, o catedrático Luis Rodríguez Ennes, e María José Bravo Bosch. As xornadas desenvolveranse todos os mércores deste mes.
O vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, declarouse “profano na materia. A priori pensaba que o Dereito Romano era algo pouco actual, pero é a base do noso Dereito, polo que se segue aplicando agora. Así, engadiu que “é fundamental que saibamos estudalo, mantelo, recuperalo e o que é máis importante, explicalo” dixo. Tamén tivo palabras de felicitación para a facultade “e o gran acerto que supón organizar as xornadas neste momento, xa que, moi probablemente, o ano que ven a titulación dará o salto ao grao, e ademais de preparar aos alumnos, hai que cambiar a nosa mentalidade como profesores” concluíu.
Pola súa banda, a decana da Facultade de Dereito engadiu que “a oportunidade do tema ponse de manifesto nas persoas que nos acompañan, e que son froito da exitosa labor desempeñada dende a area de Dereito Romano da Universidade de Vigo, na figura dos co-directores do curso, aos que animo a realizar novas edicións no futuro, unha vez implantado o novo plan de estudos” comentou.
Emilio Atrio exemplificou na súa carreira como avogado “a vixencia do Dereito Romano á que se referiu o vicerreitor, porque o Dereito Civil español é unha copia del, e espero que grazas ao entusiasmo dos organizadores e a vontade da decana, poida repetirse a celebración destas xornadas en sucesivas ocasións” dixo.

Verbas de agradecemento da organización

Precisamente un dos organizadores, Luis Rodríguez Ennes, quixo agradecer a súa presenza “ao presidente do Consello Social, que representa o espírito universitario na nosa alma mater, a Universidade,” do vicerreitor, da decana “que xenerosamente nos prestou toda a infraestrutura necesaria para a realización das xornadas”, e á empresa Supervisión e Control “pois sen o seu xeneroso patrocinio non sería posible a organización deste curso”. Xa en italiano, en honor ao primeiro relator da xornada, Antonino Metro, da Universidade de Messina, seguiu a rolda de agradecementos polos conferenciantes, “proba indubidable da relación que une á tradición romanística coa española da que é ponte Antonio Fernández de Buján, catedrático da Universidade Autónoma de Madrid e que hoxe tamén está con nós” dixo. “O feito de que estudosos de universidades españolas e italianas acodan a esta convocatoria co ánimo de afondar coas súas aportacións nas metodoloxías que conforman o ensino do Dereito Romano, supón un contrastado nivel académico no curso” explicou e engadiu que “iso se ve reflectido na masiva afluenza de alumnos que pon de manifesto o interese polo tema”.