Rafting, surf e mergullo completan a ofertan

A Universidade aposta pola modalidade de vela no programa de Augaventura 08

En maio organizará o Campionato de España Universitario deste deporte

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 01/04/2008
A vela será a gran protagonista de Augaventura 08, o programa de actividades no medio acuático que organiza o Servizo de Deportes para os meses de abril e maio. Trátase dunha aposta importante para a Universidade que, no vindeiro mes de maio, organizará os Campionatos de España Universitarios de Vela, Rafting, Surf e Mergullo.
O programa alcanza este ano a oitava edición e, con setenta participantes o curso pasado, as expectativas para este ano son a superar esta cifra. “É un conxunto de actividades que agrupa unha serie de modalidades con dúas características moi particulares: a auga, como compoñente principal, e o gusto pola aventura”, afirmou na presentación a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. Ao tempo a vicerreitora insistiu en que “esta iniciativa é unha aposta por conectar a Universidade, a través dos deportes, coa sociedade, aproveitando a riqueza do noso contorno natural de mar e de río”.
A vicerreitora estivo acompañada por José Manuel Blanco, xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés, patrocinador do programa e centro no que se realizou a presentación. Blanco tamén fixo fincapé na firme aposta de ambas entidades por fomentar o deporte de aventura. “No seu día apostamos por este programa para dar resposta a unha das inquietudes que hai na xunventude, que representa o mundo da universidade, referente a posibilidade de poder practicar os chamados deportes alternativos”, subliñou.

Programa de actividades

Dentro do programa Augaventura 08, hai tres actividades que terán a vela como eixe central: iniciación á vela, bautismo de mar, e iniciación á vela e regata, máis enfocadas xa á competición. Completarán o programa, rafting, surf e mergullo, que nas anteriores edicións tiveron unha gran demanda.
Os prezos para participar nas diferentes actividades varían en función das necesidades humanas, técnicas e materiais requiridas para o desenvolvemento de cada unha delas. O abano vai desde os 15 € que pode valer o rafting ou o bautismo de mar aos máis de 200 que alcanza a modalidade de mergullo Open Water Diver.
“Dende o Servizo de Deportes tentamos axustar ao máximo os prezos, dado que o noso principal público son os estudantes, pero sempre temos que contar con cuestión fundamentais como o seguro de responsabilidade civil, monitores titulados e as axeitadas medidas de seguridade”, explicou o técnico de Actividades Deportivas, Miguel Iglesias.

Destinatarios

Sendo unha actividade aberta a toda a comunidade universitaria, a experiencia de anteriores edicións amosa que os estudantes son o principais destinatarios desta iniciativa, “pero non son os únicos, pois tamén poden participar tanto os seus amigos como os socios do complexo deportivo universitario”, explicaba a vicerreitora.
Pensando nos estudantes, aqueles que opten polo mergullo poderán convalidar a actividade por cursos de libre configuración, dous para a modalidade Open Water Diver e un para Advanced Open Water.

Augaventura 08