Nos XIX Encontros James Joyce que se celebrarán na Fundación Caixa Galicia
A musica, o cine, a tradución e a identidade de xénero desde a perspectiva joyceana
Organizados pola Asociación Española James Joyce o 11 e 12 de abril
Tan clara tiña James Joyce a inmortalidade da súa obra Ulises que xa no 1922 afirmou: “Puxen tantos enigmas e quebracabezas que van manter ocupados aos catedráticos durante séculos debatendo sobre o que eu quería dicir, e ese é o único xeito de asegurarme a inmortalidade”
O paso dos anos e a estrea dun novo século seguen a darlle a razón ao escritor irlandés que será o protagonista dos XIX Encontros James Joyce que se celebrarán na Fundación Caixa Galicia de Vigo os vindeiros 11 e 12 de abril. Organizados pola Asociación Española James Joyce, nos encontros se abordarán temas e perspectivas tan diversos como Joyce e a música, Joyce e o cine, a tradución, as vangardas, a relación con outros autores irlandeses e incluso Joyce e a identidade de xénero. “Neste senso” asegura a profesora do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e organizadora dos encontros, Teresa Caneda “ o programa dá boa conta desa complexidade e desa variedade de ángulos e perspectivas de estudo que Joyce permite. Non hai unha única liña de achegamento a Joyce de modo que hai moitas posibilidades de que cada quen atope o tema que lle resulte de máis interese”.
Recoñecemento para un departamento emprendedor
Os vindeiros 11 e 12 de abril Vigo engadirase á relación de cidades nas que anualmente reúnese a Asociación Española James Joyce para celebrar un congreso no que se dan a coñecer os últimos traballos críticos, achegas teóricas, traducións e estudos comparados en torno á obra do autor. A celebración en Vigo da decimo novena edición dos encontros pon de manifesto, segundo Teresa Caneda “que o departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo é un dos departamentos máis dinámicos e emprendedores e está á altura, tanto en potencial investigador como docente, do resto de departamentos de Linguas e Culturas Estranxeiras das universidades españolas”. Proba diso son, segundo Caneda “algunhas das comunicacións que persoal investigador da Universidade de Vigo presentará nos encontros e que van desde achegas da paratradución, o cine ou os estudos de xénero que darán moito que falar polo seu carácter novedoso e incluso rompedor”.Moita vida despois do Ulises
Considerada a primeira novela moderna ao elevar o cotiá e o ordinario á dimensión tradicionalmente ocupada polo heroico, Ulises fascinou desde a súa publicación en 1922, a xeracións de lectores e críticos de todo o mundo. Algo que segue a suceder dado que “con cada nova xeración de lectores xorden novas maneiras de ver e ler a Joyce, de xeito que a investigación para o futuro está máis ca asegurada”, apunta Teresa Caneda.Graduada na University of Southern California, Caneda dedicou a Joyce a meirande parte das súas publicacións dos últimos 15 anos. Desde a súa entrada no departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolleu a destacados estudosos de Joyce como Joaquim Mallafré, Emer Nola no John McCourt.
Na organización dos XIX Encontros da Asociación Española James Joyce, Caneda comparte responsabilidade na organización co tamén profesor titular da Facultade de Filoloxía e Tradución, Martín Urdiales Shaw.