Máis de 700 estudantes e titulados participarán das sesións

Récord de inscritos no campus de Vigo para participar no Forumemprego 2008

A inscrición xa está pechada

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/02/2008

O número de inscritos na 7ª edición do Forumemprego 2008 supera amplamente ao rexistrado en anteriores citas das Xornadas Universitarias de Emprego de Galiza e Norte de Portugal, celebradas no campus de Vigo. Pechado o prazo de inscrición, confirmouse que máis de 700 estudantes de últimos cursos e titulados participarán nas xornadas que se desenvolverán os días 18 e 19 de febreiro na facultade de Ciencias Experimentais.
Precisamente o elevado número de participantes nesta edición do Forumemprego obrigou á organización a instalar un sistema de videoconferencia para que as intervencións dos relatores podan ser seguidas polos estudantes e titulados que se darán cita no salón de actos e na aula magna da facultade de Ciencias Experimentais do campus vigués.
O importante incremento rexistrado este ano no número de inscritos no Forumemprego explícase, segundo Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade de Vigo, por que “por unha banda a xente repite despois de ter unha experiencia satisfactoria e por outra nesta edición participan representantes de moitas empresas que poden aportar aos estudantes experiencias moi interesantes”.

De volta á Universidade de Vigo

Entre as testemuñas que os asistentes poderán seguir durante os días de celebración do Forumemprego, especialmente próximas poden resultarlles as de varios egresados da Universidade de Vigo que na actualidade desempeñan postos de responsabilidade na empresa privada ou pública, e tamén na administración. É o caso da xuiza de Primeira Instancia e Instrución Águeda Rodríguez Domínguez, a directora da oficina do Banco de Santander, Begoña Rodríguez ou o responsable do departamento técnico de Turyelectro Galicia S.L, Rubén Ucha, que protagonizarán o luns 18 de febreiro unha mesa de experiencias co título De universitario a profesional.
As sesións completaranse con relatorios, coloquios e mesas redondas nas que se abordarán o traballo na empresa privada e o acceso ao emprego nas administracións públicas. A parte práctica das xornadas céntrase na elaboración dun currículo no modelo europeo Europass que os participantes poderán entregar ata o 15 de marzo.

Inscrición aberta en Pontevedra e Ourense

Se ben no campus de Vigo xa se pechou o prazo de inscrición para participar nas sesións que se desenvolverán o luns e martes da próxima semana, aínda é posible participar das actividades programadas nos campus de Pontevedra e Ourense.