Un curso porá ao día aos estudantes sobre o novo Plan Xeral de Contabilidade

Desenvolverase os días 20, 21, 25 e 28 de febreiro na E.U.E.de Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 30/01/2008
Os aspectos teóricos do novo Plan Xeral de Contabilidade, aprobado o 20 de novembro do 2007, serán os protagonistas dun curso organizado dende a E.U.E de Empresariais. O programa inclúe, dentro das trinta horas lectivas programadas para os días 20, 21, 25 e 28 de febreiro, a Lei de Reforma Mercantil, as contas anuais do novo plan, o marco conceptual e as Normas de Rexistro e Valoración, as relacións contables e as características xerais do PXC de Pemes e microempresas.
Ademais de estar abertas a xente de fóra da Universidade que reúna as características precisas, as 60 prazas ofertadas diríxense principalmente a estudantes das diplomaturas de Ciencias Empresariais e Relacións Laborais e das licenciaturas de Dereito Económico, Economía e Administración e Dirección de Empresas. De feito, “esta é unha iniciativa do profesorado, pero as peticións dos alumnos para que se desenvolvesen xornadas deste tipo resultaron determinantes”, tal como afirma Miguel A. Crespo, profesor da EUE Empresariais e un dos organizadores do curso xunto con José Luis Sáez Ocejo.
O obxectivo xeral é “explicar o novo Plan Xeral a alumnos que están a piques de rematar os estudos e non tiveron a oportunidade de ver este tema por non estar aprobado en anos anteriores”, segundo palabras de Crespo, que engade que “polo tanto, trátase dunha oportunidade para adquirir coñecementos precisos de cara ao ingreso inmediato no mercado laboral. De feito, esperamos que se cubran tódalas prazas e a previsión é repetir o curso noutras edicións”

Novo Plan Xeral de Contabilidade

O novo Plan Xeral de Contabilidade, que entrou en vigor o 1 de xaneiro do 2008, é de aplicación obrigatoria para tódalas empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, individual ou societaria, pero unha das grandes novidades que inclúe é o feito de establecer unha normativa específica para as Pemes, con adaptacións para as microempresas.
Para a súa redacción incidiuse no compoñente explicativo, coa finalidade de facilitar a súa aplicación, dado que se incorporaron ao mesmo tempo novas transaccións, elementos patrimoniais e criterios contables.