A "kinesiotaping" centrará o curso que se impartirá na EU de Fisioterapia
O gran interese espertado polo "I Curso de vendaxes neuromusculares" desbordou as previsións dos organizadores
O método optimiza o proceso de recuperación do propio corpo
Hoxe en día empeza a ser común ver na televisión a deportistas de elite cunhas estrañas vendaxes que destacan polas súas cores rechamantes. Trátase da técnica da kinesiotaping, tamén denominada medical taping ou vendaxe neuromuscular que está revolucionando a práctica diaria de moitos fisioterapeutas. O xeito en que este método optimiza o proceso de recuperación do propio corpo, faino moi popular entre os pacientes e os profesionais do sector. Ao ser unha técnica bastante recente, ata agora en España non existían moitas posibilidades de formarse nesta disciplina de xeito que a única forma de facer un curso deste tipo era nas grandes capitais como Madrid ou Barcelona. Para os profesionais galegos isto xa non será un impedimento, xa que a Escola Universitaria de Fisioterapia do campus de Pontevedra acollerá a finais deste mes o I Curso complementario de vendaxes neuromusculares, que pola súa enorme demanda, xa está previsto que teña varias edicións anunalmente. O organizador do curso e profesor da Universidade, Gustavo Rodríguez Fuentes, comenta que “para os fisioterapeutas desta zona galega é moi importante ter a posibilidade de acceder a esta formación específica”.
A primeira edición do curso
Do 25 ao 27 de xaneiro, nas instalacións do centro educativo, será cando varios profesionais formaranse nesta disciplina que está tendo unha gran aceptación entre a comunidade médica a nivel internacional. O I Curso complementario de vendaxes neuromusculares está dirixido a todos aqueles que, dedicados a disciplinas terapéuticas, queiran ampliar os seus coñecementos neste innovador tratamento. Nun principio tamén poderían acceder os alumnos da Diplomatura en Fisioterapia que estean no último curso de carreira, sen embargo a gran demanda que houbo á hora de inscribirse por parte dos profesionais do sector, fixo imposible que os estudantes poidan facelo, xa que as 24 prazas ofertadas están cubertas. Segundo explicou Gustavo Rodríguez, “debido ao interese mostrado, vinme obrigado a programar a segunda edición para abril deste mesmo ano”.O fisioterapeuta e profesor da Universidade de Castilla-La Mancha, José Manuel Fernández Rodríguez, será o encargado de impartir o curso que pretende ser eminentemente práctico. Cunha duración de 20 horas os participantes aprenderán desde os inicios desta técnica ata as aplicacións dos vendaxes en cada caso, pasando polas contraindicacións do método, os materiais necesarios, os efectos da técnica e mecanismos de acción.
A técnica
Creado polo doutor Kenzo Kase fai case 25 anos en Xapón, este método de vendaxes utiliza unhas exclusivas cintas de tape (esparadrapo) elástico que foron deseñadas imitando as propiedades da pel e cuxa finalidade é o tratamento de lesións musculares, articulares, neurolóxicas e ligamentosas así como a redución da inflamación e do linfedema.As funcións que se lle atribúen ao kinesiotaping son a capacidade de reeducar o sistema neuromuscular e propioceptivo, mellorar a postura do paciente grazas á información sensoriomotriz que lle aporta, facilitar a drenaxe linfática, reducir a dor e acelerar o proceso de reparación da lesión permitindo en todo momento o movemento e facilitando a circulación e o seu conseguinte aporte de nutrientes. Esta técnica que da soporte e estabilidade ás articulacións e músculos sen afectar á amplitude do movemento, está baseada no proceso de autocuración do corpo. Tal como explica Gustavo Rodríguez, a principal diferenza entre unha vendaxe tradicional de esparadrapo e a neuromuscular, é que "a primeira impide o movemento mentres que a última simplemente evita que o esforzo físico ou a sobrecarga faga que se produza unha lesión máis grave, ten unha función máis preventiva”.
A vendaxe neuromuscular é sinxela de aprender e de aplicar, require uns custes en material mínimos e pódese aplicar en todo tipo de pacientes, non soamente para lesións deportivas, senón para os comúns dores de costas, tendinite, dores articulares, drenaxes, tratamento de cicatrices, etc. Ademais pode ser utilizado en calquera persoa xa que o carácter hipoalerxénico do esparadrapo, a suavidade do tecido e a súa durabilidade e resistencia á auga (de 3 a 5 días sen despegarse) fano recomendable para todo tipo de peles e aplicacións.