“II Xornada de Tradición e Xogo”

Xogos populares e bailes tradicionais en Ciencias da Educación e do Deporte

Organizada por alumnos da facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 16/01/2008

Con motivo da conmemoración do patrón da universidade, Santo Tomás de Aquino, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés celébrase a II Xornada de Tradición e Xogo. Alumnos da materia Deporte para todos, que imparte a profesora Ana Rey Cao, no cuarto curso da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, organizan esta iniciativa coa que se pretende dinamizar a vida universitaria de toda a comunidade vinculada á facultade. Ao longo de todo o día e especialmente durante os descansos entre as clases, estes estudantes animan aos seus compañeiros a participar en todas as actividades programadas e segundo Ana Rey, “facendo dos ratos libres momentos activos cheos de cultura, intentando facer máis amena a xornada de estudo ou traballo”. Ademais, unha das alumnas a cargo da organización, Verónica Varela, comenta que a intención “é recuperar a tradición galega de xogos populares e achegar á xente da Universidade este tipo de actividades”.

Sen descanso

Desde as dez da mañá e ata as oito da noite, os estudantes das cinco titulacións que acolle a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, están a participar activamente nas diferentes actividades que se desenvolven nas instalacións do centro. Dentro das iniciativas fixas que teñen lugar dun xeito constante na entrada e no ximnasio, destacan os xogos populares galegos como os pelouros, as chapas, a corda, as carreiras de sacos, ou a mariola.
Pero ademais, a cada hora en punto fanse outras actividades como os bailes tradicionais, onde alumnos e mestres poden bailar a muiñeira, a xota e agarrados.
Para recuperar folgos e poñer o peche a esta segunda edición, a xornada rematará cunha merenda na que se poderán degustar doces típicos como a bica.