Terá lugar entre os días 11 e 29 de xaneiro no Edificio Xurídico Empresarial
A formación de axentes de emprego e desenvolvemento local, obxectivo dun curso complementario
As 35 prazas ofertadas cubríronse na súa totalidade poñendo en evidencia o interese que esperta o tema. De feito, e segundo Beatriz González, unha das directoras do curso “hai un número importante de técnicos de emprego traballando nos concellos da provincia inscritos”.
Unha formación completa
O curso para a formación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local está patrocinado pola Consellería de Traballo, o Concello de Ourense e a Fundación Galicia-Europa e é eminentemente práctico, aínda que tamén conta con módulos teóricos para homoxeneizar os coñecementos dos participantes.“Na orientación práctica permitirá a aplicación de modelos de desenvolvemento tanto no ámbito local como provincial e os alumnos, en grupos de traballo, proporán liñas de actuación consecuentes coas debilidades e fortalezas detectadas nos devanditos eidos” explicou Beatriz González.
A programación do curso estrutúrase en tres bloques complementarios. O primeiro deles está centrado no desenvolvemento endóxeno e será impartido polo catedrático da Universidade Autónoma de Madrid Antonio Vázquez Barquero. O segundo bloque corresponde aos programas e fondos europeos e será impartido polo persoal da Fundación Galicia-Europa de Santiago de Compostela e de Bruxelas. Por último, o terceiro bloque centrarase nos emprendedores, a innovación e os determinantes do éxito empresarial, e contará coa presencia de Enrique Salas Rincón, entre outros profesores destacados.