Na II Xornada de Innovación Educativa
Os docentes universitarios fan unha posta en común das súas experiencias docentes
30 relatorios e 140 asistentes fan da segunda edición da Xornada de Innovación Educativa na Universidade unha experiencia xa consolidada e con ansias de continuidade e crecemento. O importante número de profesores participantes fixo que o encontro se tivese que realizar paralelamente nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Segundo explica o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, “a innovación educativa é o motor da docencia e por iso este tipo de encontros deben ser un punto de referencia para todos, onde aprender uns dos outros”. Por este motivo, sinalou tamén o vicerreitor a importancia da difusión dos coñecementos sobre innovación educativa. “ Hai moitas cousas interesantes en todas as aulas, pero ademais de que o coñezan os alumnos é moi importante que o coñezan os outros docentes, incluso os que non poden asistir a estas xornadas, polo que son difundidas por Uvigo-Tv e serán recollidas nunha publicación, como fixemos na pasada edición”, apuntou.
“Na gran profesión que é ser profesor sempre se pode mellorar, esa é a nosa utopía, e iso faise mediante a innovación”, destacou Membiela. Para isto, a xornada, ademais de ser un encontro de convivencia entre os profesores da Universidade, supón un xeito de presentar as diferentes accións innovadoras que desenvolven os docentes da institución.
30 ponencias sobre a innovación docente
Para a mellora da docencia é moi importante difundir as experiencias innovadoras realizadas polos profesores. O intercambio de experiencias, segundo Pedro Membiela, “axuda aos que as fixeron a reflexionar sobre o camiño seguido, as dificultades e logros, e, para o resto, coñecer experiencias doutros docentes pode servir para mellorar a súa práctica”.Entre os relatorios, moderados polo profesor José Vicente Novegil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Daniel Martí, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, afondou nas opcións educativas que ofrecen os blogs. Segundo explicou, “neste último ano foron moitas as universidades, arredor de 50 nos Estados Unidos de América, incorporaron blogs, pero este perfil en España limítase ás privadas, e das públicas unicamente o fixo a Universitat d’Alacant e empregando do software libre”. O profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Comunicación avoga por inserir estas novas tecnoloxías da información e da comunicación na vida académica e apunta que “ademais dos usos persoais que os blogs teñen para os alumnos, este poden ter aplicacións docentes e de servizos como axudar a desenvolver guías docentes”. Neste senso Martí salienta a importancia de crear redes educativas de blogs. “A Universidade necesita de redes de centralización construíndo comunidades”, aínda que salientou que este último concepto é un dos máis complicados de desenvolver.
Ao longo da xornada, profesores de centros dos tres campus de Universidade presentaron as súas experiencias na innovación educativa como o uso dos medios audiovisuais como recurso didáctico, a inclusión de plans de márketing nas materias, o ensino das matemáticas a través do teatro, o uso de foros de discusión e wikis para desenvolver actividades docentes ou as actividades non presenciais como alternativa. En total, a posta en común dos docentes contou con arredor de 30 relatorios nos que se afondou na innovación en titulacións de todos os ámbitos do coñecemento.