Dentro dos actos conmemorativos do Día Mundial do VIH

Información e prevención contra a SIDA no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 11/12/2007

Os cursos de primeiro das facultades de Filoloxía e Tradución, Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo recibirán a visita este mércores, 12 de decembro, dos membros do Centro Quérote de Asesoramento Afectivo-Sexual, coa finalidade de concienciar á mocidade sobre como protexerse da SIDA nas relacións sexuais. Con este obxectivo instalaranse mesas informativas con material sobre esta enfermidade e entregaranse folletos e preservativos entre os estudantes.
Sensibilizar aos membros da comunidade universitaria da importancia do uso do preservativo nas relacións sexuais como medio máis eficaz para a prevención da SIDA é o principal obxectivo das diferentes actividades que están a organizar as Oficinas de Voluntariado e Integración nos tres campus da Universidade de Vigo con motivo da celebración do Día Mundial da SIDA o pasado 1 de decembro.
Segundo Ricardo Rodríguez, técnico de Voluntariado, preténdese tamén con estas iniciativas "promover a reflexión ante as diferenzas que conleva ser enfermo de VIH/SIDA nun país do primeiro mundo e selo nos países en vías de desenvolvemento".
Despois dos actos levados a cabo nos últimos días nos campus de Pontevedra e Ourense onde, entre outras actividades, se repartiron miles de folletos e preservativos e proxectáronse vídeos educativos, este mércores chégalle o turno ao campus de Vigo.