Satisfacción dos reitores polo anuncio da conselleira Sánchez Piñón
En xaneiro comezará o traballo para reformular o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia
O financiamento estará asociado á consecución de obxectivos e rendemento
Un grupo constituído polas consellerías de Educación e Economía e as tres universidades galegas, comezará o vindeiro mes de xaneiro o traballo para reformular o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, no que se prevé superar o 1% do PIB en inversión en gasto universitario. Foi a conselleira de Educacion, Laura Sánchez Piñón quen despois de suscribir varios convenios cos reitores das universidades de Santiago e Vigo e o vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica de A Coruña, anunciou que o grupo de traballo comezará a súa actividade en xaneiro para concluir no mes de xuño.
Sánchez Piñón que avanzou que os presupostos de 2009 da Xunta de Galicia recollerán as dotacións do novo Plan de Financiamento, incidiu en que "máis do 70% da producción científica se realiza nas universidades, polo que deben ter unha financiación necesaria para dar resposta aos retos".
Satistacción das universidades polo anuncio
Un anuncio da reformulación do Plan, que se adiantará dous anos e que terá vixencia desde 2009 a 2013, foi recibido, tanto polo reitor da Universidade de Vigo, como polos seus homólogos de A Coruña e Santiago, con satisfacción. Alberto Gago asegurou que "estamos acertando como nunca" e lembrou que "esto xustifica a implicación das universidades no plan de país. Fannos encargos e pídennos contas", afirmou o reitor da Universidade de Vigo. No mesmo sentido manifestáronse o reitor de Santiago e o vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica de A Coruña, Senén Barro e Ángel Fernández que aseguraron que o plan vixente non era suficiente e cualificaron a reformulación do plan de "aposta de moito calado". Barro asegurou que "creo que se dan todas as circunstancias para, por fin, estar satisfeitos nuns anos, co que imos avanzar con este novo plan".
Novos retos
A conselleira enmarcou o anuncio realizado hoxe no "reto de ter unha presenza significativa no Espazo Europeo de Investigación, polo que é importante que o SUG teña os mellores recursos para facer fronte aos obxectivos". Laura Sánchez Piñon apuntou que a reformulación do plan deberá afrontarse baixo varias premisas. Neste sentido asegurou que "é preciso un novo horizonte económico co obxectivo de superar o 1% do PIB, que deberá asegurar a solvencia económica das universidades para afrontar o proceso". A conselleira tamén apuntou que o sistema de financiamento estará asociado a "indicadores de referencia e obxectivos", consolidando os principios de calidade, eficiencia e rendemento de contas "inherente a todo servizo moderno e estratéxico como o SUG".4 millóns de euros en convenios
A conselleira asinou cos responsables das tres universidades galegas dous convenios de colaboración para o recoñecemento da actividade investigadora e o desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas, así como unha addenda ao convenio de colaboración para impulsar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.A Universidade de Vigo percibirá 391.875 en concepto de recoñecemento da actividade investigadora nos planos de organización docente (POD) e 610.527 polo convenio para o desenvolmento de infraestruturas científico-tecnolóxicas e servizos xerais de apoio á investigación. Da total da addenda a un convenio de colaboración suscrito en decembro de 2006 para potenciar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, a institución académica viguesa percibirá 162.939,14 euros.