Innovadora iniciativa para pór ao día aos novos docentes da UVigo

Pedro Membiela presenta un curso de formación para profesores noveles

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 05/11/2007
"Os profesores con pouca experiencia tendes unhas características singulares. É unha etapa na que vos ides atopar con situacións particulares e precisades formación específica” con estas palabras recibiu Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, aos trinta “alumnos” matriculados no Curso de Iniciación á formación para a docencia universitaria.
Orientado aos novos profesores da Universidade con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino, este innovador curso de formación vai dirixido a dar a coñecer o contexto institucional docente, investigador e de xestión da Universidade, así como a desenvolver actitudes e comportamentos positivos cara a docencia universitaria.

Sesenta horas para achegarse á profesión

Os alumnos matriculados no curso van recibir un total de 60 horas de formación, dez horas elixidas por eles en función dos seus intereses e necesidades particulares en calquera das actividades de Formación e Innovación Educativa e o resto dividiranse en tres módulos: inmersión na Universidade de Vigo, experiencias educativas no novo marco do EEES e actividades, métodos e recursos didácticos.
“Co apartado inmersión na UVigo queremos que coñezades de primeira man que vos dá esta Universidade, pois hai moitas cousas que se vos poden escapar”, subliñou Membiela na presentación. Entre outros participarán os vicerreitores de Organización Académica e Profesorado, Antonio García Pino, que falará dos servizos da súa vicerreitoría e Manuel Reigosa, vicerreitor de Investigación, fará o propio coa súa.
O EEES é outro dos aspectos sobre o que os docentes se van pór ao día. . “Europa é un reto que nos abre novas posibilidades pero que tamén nos prantexa novas necesidades e obrigas como docente, por iso a creación dun módulo especificamente dedicado a isto”, subliñoulle o vicerreitor.
O terceiro dos módulos, centrado en temas de didáctica, permitirá aos alumnos contar coa experiencia doutros docentes con anos de experiencia na Universidade que afondarán sobre aspectos específicos: novas tecnoloxías no ensino, introdución ao blog docente, a titorización grupal...

Docentes e alumnos ao mesmo tempo

Os matriculados neste curso, compatibilizarán esta formación coa súa actividade como docentes. David Tizón, con 27 anos é profesor no Centro de Linguas, “teño moita formación no que respecta a ensinanza de idiomas pero quedo escaso en temas de didáctica xeral”, comentaba na presentación. Pola súa parte, Vicente Pastoriza, profesor de Tecnoloxía Electrónica, subliñaba que sobre todo está interesado en coñecer “se o estou facendo ben e que cousas podo mellorar”. Noutros casos, coma o de Cristina Trillo, profesora en Industriais desde o pasado curso, o que máis interesa “é coñecer as ferramentas que a Universidade pon ao noso dispor”.
As diferentes actividades vanse desenvolver na Sala IV do Edificio Miralles, onde este luns tivo lugar a presentación coa presencia de Pedro Membiela, Luis Anido, director da Área de Innovación Educativa, e os alumnos matriculados.

Portal de Formación e Innovación Educativa