Co apoio do conselleiro, Manuel Vázquez, e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez

O POP de Dereito Urbanístico e Medio Ambiente foi inaugurado

Coa presenza dun grupo heteroxéneo de estudantes e o coordinador, Roberto Bustillo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 25/09/2007

Ideado pola decana da facultade de Dereito, Inés Iglesias, e apoiado, entre outras institucións, pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o seu conselleiro, Manuel Vázquez, o Máster en Dereito Urbanístico e Medio Ambiente comezou onte a súa andaina cunha presentación pública na que interviñeron os principais responsables e colaboradores.
“Xunto ao POP de Enerxía e Sustentabilidade foi o programa de posgrao que recibiu máis solicitudes; de aí que, desgraciadamente, este ano moita xente tivera que quedarse fóra”, comezou dicindo o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez.
O segundo en intervir, o conselleiro Manuel Vázquez, aplaudiu o feito de que fose a primeira universidade galega en poñer en marcha unha titulación especializada en tales materias.
“Cada vez que se escoita a palabra de espazo natural, de reciclaxe ou de i+d+i, só aos sectores máis inmobilistas lle tremen a mans, porque só eles teñen medo a falar de por onde ven o futuro”. Segundo el, foron educándonos en base a que o medio ambiente era inimigo do progreso, cando sucede todo o contrario: “o medio natural é a base do desenvolvemento e do futuro”; ao que engadiu “Dende logo non renuncio a que, se algún día Galicia ten unha facultade de Ciencias Ambientais, sexa en Ourense”.

Outras intervencións

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, sentiuse pola súa parte moi orgulloso de que a Universidade da súa cidade “leve a cabo un máster que vai afondar no coñecemento das disposicións legais que protexen o medio ambiente e o urbanismo, dúas palabras máxicas que para o goberno municipal tamén son o principal inspirador das políticas públicas”.
Pola súa banda, o coordinador do POP, Roberto Bustillo, orientou a súa intervención de cara aos estudantes alí presentes. Un grupo heteroxéneo formado por unha maioría de licenciados en dereito ao carón de arquitectos, enxeñeiros, economistas... Algúns acaban de rematar a carreira, mais un bo número xa están a exercer no emprego público, en consultoras ou como profesionais liberais. “Poren, todos vós tedes a partir de hoxe un elemento en común, o desexo de afondar no coñecemento sobre urbanismo e medio ambiental”, afirmou Bustillo.

DUMA

Celebrada no Salón de Graos do Edificio Xurídico Empresarial, a presentación deu paso ao inicio do POP que, habitualmente, terá lugar no seminario grande da planta terceira, “especificamente deseñado para este curso”, apuntou Bustillo.
Con todo, ao tratarse da incorporación, o equipo decidiu comezar con dúas sesións “lixeiras”. No caso de onte coa celebración de dúas conferencias, a do profesor de Dereito Romano, Guillermo Suárez , titulada “O urbanismo no mundo clásico”, e do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Cantabria, Luis Martín Rebollo, denominada “Do século XIX a 1978: raíces históricas do urbanismo moderno”.
Por último, a xornada de hoxe, contará cunha introducción xeral da man do propio coordinador e a conferencia “O dereito do asentamento”, que será pronunciada ás 18:00 horas polo catedrático de Dereito Constitucional, Pedro de Vega.