A escola celebra a gradución das últimas catro promocións

Enxeñaría Forestal despide 180 profesionais dispostos a afrontar os retos e oportunidades do sector

O reitor avanza no acto a posta en marcha dunha rede de investigación forestal liderada pola Univers

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 17/12/2010

“A partir de agora é cando empeza realmente a vosa vida profesional e, grazas á gran formación que tendes, poderedes afrontar todos os retos e as novas oportunidades que se presentan no eido forestal, porque nós necesitámosvos”. Con estas palabras de alento, Salustiano Mato, reitor da Universidade, animou aos 180 titulados de Enxeñaría Técnica Forestal no acto de graduación das últimas catro promocións. A cerimonia contou ademais coa intervención do director da escola, Luís Ortiz, que expuxo as posibilidades de convalidación ao Espazo Europeo de Educación Superior do título a extinguir e cunha lección maxistral a cargo de Luís Gil, membro da Real Academia de Enxeñaría de España que afondou nos beneficios dun 'gran coñecido' dos estudantes: o eucalipto.

Mato aproveitou o acto de graduación para compartir cos xa titulados os novos retos que se lle se presentan á Escola de Enxeñaría Forestal, e por extensión a todos os seus estudantes e egresados, pois como apuntou “está chamada a protagonizar unha agregación estratéxica no campo da investigación forestal para poder xerar futuro desde o bosque”. Así, adiantou que a partir de xaneiro e en estreita colaboración con entidades representativas do mundo forestal, como o centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, “porase en marcha desde a Universidade unha rede de investigación forestal que reúna as mellores capacidades dispoñibles ata o momento”.

Ademais, o reitor fixo fincapé na importancia que ten para a Universidade a creación desta agregación estratéxica no eido forestal, xa que o tema Bosque está incluído como un dos tres proxectos singulares dentro do Plan Estratéxico da Xunta de Galicia dos anos 2010-2015, acompañado do proxecto Mar, abandeirado polo Campus do Mar e o proxecto Vida, do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.

Esperanza laboral para os novos egresados

O acto de graduación estivo envolto dunha mensaxe optimista, de esperanza para os novos egresados de Enxeñaría Técnica Forestal. A pesar da crise económica vixente “o bosque en Galicia ten unha importancia tremenda e un potencial enorme sen explotar e vós como profesionais do futuro é un reto que debedes asumir, superando as dificultades propias deste momento”, apuntou o reitor. E así o están facendo, pois estes recén titulados buscan novas alternativas que lles permitan superar as barreiras desta situación precaria no mundo laboral. Desde xeito, Iria Pérez, ex alumna do centro, optou por ir traballar a Miami no Servizo Forestal de Agricultura o que lle permitiu “coller moita experiencia e sobre todo aprender o idioma”, ou Víctor Estévez, que decidiu seguir vinculado á Universidade, realizando labores de investigación.

Por outra banda, o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Luís Ortiz aproveitou o acto para pór en coñecemento o réxime de convalidacións existente entre a titulación a extinguir e o novo título de grao. Así explicou que “cando se elaborou o novo plan de estudos xa se pensou no alumnado que xa cursara a titulación a extinguir, deseñando unha convalidación directa coas asignaturas do novo plan”. Engadiu ademais as novidades que implica a adaptación ao Plan Boloña, como “o incremento de especializacións, coa inclusión da de Explotacións Forestais e o paso de tres a catro anos de estudo”.

O eucalipto, tamén protagonista

O acto, ao que tamén asistiu Gabriel Toval, director do centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, contou coa participación de Luís Gil, o que achegou a importancia que supón o eucalipto na economía galega na lección maxistral titulada El eucalipto, un árbol solidario. Empregou ese apelativo por unha dobre vertente. Unha centrada en todo o beneficio que representa a súa explotación, traducíndose en 22.000 postos de traballo directos e unhas ganancias de 1651 millóns para os propietarios das explotacións forestais no último ciclo de cultivo. Engadiu que moitos califican o eucalipto como “o diaño verde” pola conciencia xeral de que de que dana o chan no que se planta, mais “o eucalipto ten un reducido consumo de auga e esixe un menor emprego de fertilizantes, sendo quen de adaptarse a todos os lugares no que se plante e converténdose na especie con máis éxito do mundo”.