DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición tivo lugar este venres na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

64 rapaces e rapazas poñen a proba os seus coñecementos na XV Olimpíada Galega de Economía

Os gañadores foron

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 11/04/2025

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da XV Olimpíada Galega de Economía, na que participaron 64 alumnas e alumnos de Bacharelato de 16 centros educativos galegos. A actividade estivo organizada pola Universidade de Vigo en colaboración coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela e coa participación da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria.

A iniciativa constitúe a fase galega da Olimpíada Española de Economía, un certame académico e educativo que ten como obxectivo estimular o estudo da economía e da economía da empresa entre a mocidade, premiar o esforzo e a excelencia académica e establecer vínculos estables entre o ensino universitario e outros niveis educativos. A XV Olimpíada Galega de Economía estivo dirixida a alumnado matriculado no curso 2024/2025 na materia Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º curso de Bacharelato en calquera dos centros de ensino secundario de Galicia. A participación foi individual e cada centro podía presentar ata un máximo de cinco participantes.

O temario das probas abrangueu o programa oficial de Economía de 1º de Bacharelato e de Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º de Bacharelato. O exame durou dúas horas e tivo tres partes eliminatorias. A primeira constou de 20 preguntas tipo test relativas ás relacións e conceptos básicos; a segunda foron dous exercicios prácticos e a terceira un comentario de texto sobre temas de actualidade económica.

Diferentes premios

Tras a competición, o centro acolleu a entrega de galardóns, coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación de Ourense, e Aníbal Pereira, concelleiro de Deportes. Elas e eles felicitaron ao alumnado participante polo esforzo feito e agradeceron a profesorado e centros a súa boa resposta a esta iniciativa. As gañadoras da XV Olimpíada Galega de Economía foron Noa Vidal (primeiro premio), Sara Arines (segundo premio) e Sabela Torrado (terceiro premio), a primeira e a terceira do IES Pontepedriña e a segunda do IES Castro Alobre. Eles recibiron un diploma acreditativo e representarán ás universidades do Sistema Universitario de Galicia na fase nacional da Olimpíada de Economía que se celebrará os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo de 2025 na Universidade de Alacante. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da UVigo correrá co custe da inscrición nesta fase nacional e cos gastos de viaxe e aloxamento dos tres estudantes seleccionados, dun profesor ou profesora designado pola comisión organizadora que os acompañe e un representante da facultade.

O estudantado clasificado entre os postos 4º e 8º recibiron un diploma acreditativo como finalistas do concurso. A orde establecida servirá, ademais, para cubrir posibles vacantes no caso de que algún dos tres primeiros clasificados renuncie a participar na Olimpíada Española de Economía. Ademais, os primeiros clasificados nas fases locais ou nacionais da Olimpíada de Economía que se matriculen nalgunha das universidades públicas do SUG poderán optar ás axudas que se poidan convocar para os estudantes gañadores de olimpíadas científicas por parte de cada universidade.