DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte e na EE Forestal

A ABAU congrega 1280 estudantes no campus pontevedrés

Procedentes de 14 municipios da provincia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/06/2024

Chegados desde 14 municipios da provincia, un total de 1280 estudantes afrontan desde este martes a ABAU (Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade) en tres centros do campus de Pontevedra. Procedentes de once institutos, a Escola de Enxeñaría Forestal é nesta ocasión o centro no que maior número de mozos e mozas se enfrontan entre este martes e xoves á antiga selectividade, un total de 484. Outros 406 alumnos e alumnas, chegados de doce centros, realizan os exames na Facultade de Comunicación e outros 390 alumnos e alumnas de sete institutos repártense polas aulas e o pavillón da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

En total, a ABAU congrega no campus un número de alumnos e alumnas lixeiramente inferior ao de 2023, cando foron 1303 os matriculados e matriculadas. Ademais de nestes tres centros, a CIUG habilitou tamén unha cuarta comisión delegada na cidade, no Colexio Santiago Apóstolo da ONCE, para a realización dos exames por parte de estudantes con discapacidade ou necesidades especiais que precisen dun apoio máis específico. 

Na sede con maior presenza de alumnas e alumnos, a EE Forestal, iniciaban este martes esta avaliación Paula González e Sarah Ansah Odoom, estudantes do IES Frei Martín Sarmiento. “O primeiro exame é o que máis presión xera, polo que imaxino que para os seguintes iremos máis relaxadas”, recoñecía González tras completar a primeira das probas, a de Lingua Galega e Literatura. Non obstante, ambas incidían tamén nos nervios que pode xerar xogarse parte do seu futuro en tres días. “Aglomérase todo o curso neste exame e, por moito que o prepares, pode irche ben ou mal”, recoñecía nese senso Ansah Odoom, que agarda poder iniciar o vindeiro curso os seus estudos universitarios, para os que se debate entre Dereito e Ciencia Políticas, mentres que González busca nesas probas acadar as cualificacións necesarias para acceder en setembro a Psicoloxía.