O primeiro premio do certame 'Fas curtas' foi para o TFG de Ashling Ocampo
O alumnado da Facultade de Comunicación copa os galardóns ás mellores curtametraxes do Festival de Cine de Ourense
Tamén foron recoñecidas as pezas de Zahira Teijelo e Miguel R. Berride
Dar visibilidade aos novos directores e directoras, así como aos proxectos nacidos nos centros formativos, é o obxectivo central de Fas Curtas, o concurso de curtametraxes do Ourense Film Festival (OUFF), que neste 2024 outorgou os seus tres galardóns a traballos xurdidos na Facultade de Comunicación. Aberto á participación de profesionais ou estudantes de ata 30 anos de idade, o primeiro premio desta edición foi para La Casa de la abuela, unha curta nacida como traballo fin de grao (TFG) da egresada Ashling Ocampo. Desenvolvido tamén como un TFG, o segundo premio foi para Cans de Ferro, de Zahira Teijelo, mentres que co terceiro recoñeceuse a curta Xogo de nenos, dirixida polo estudante da facultade Miguel R. Berride.
Un total de 28 obras presentáronse á novena edición de Fas Curtas, das que foron seleccionados doce finalistas, boa parte delas, dirixidas por estudantado ou egresados e egresadas da facultade pontevedresa, como apunta o profesor deste centro e coordinador deste certame, Paulino Pérez. “Pola profundidade do seu discurso, máis aló da súa trama principal, o seu sorprendente guión e a complexidade da dirección”, o xurado destes galardóns decidiu outorgar o primeiro premio a La Casa de la abuela, na que Ocampo narra historia dunha moza con síndrome de Down que anuncia a súa decisión de sacar o carné de conducir na festa do seu 18 aniversario."É unha curtametraxe de ficción que fala sobre as expectativas vitais na mocidade e pon en valor a diversidade en lugar da capacidade", sinala Ocampo dunha obra que constitúe tamén o TFG, titorizado por Laura Miragaya, que o pasado verán defendía na facultade. "Recibimos este premio con moitísima ilusión", engade esta egresada dun galardón dotado con 1700 euros, ao que se sumou ademais o premios AISGE á mellor interpretación feminina, outorgado á súa protagonista, María Iriondo. "É un impulso para seguir apostando por historias que se contan desde a cotiandade e honestidade", engade Ocampo.
Entregados na noite deste sábado, no marco da 29 edición do festival que dirixe o tamén profesor da facultade Miguel Anxo Fernández, o segundo premio de Fas Curtas foi para Cans de Ferro, que Teijelo realizou como parte dun TFG, titorizado por Beli Martínez. Distinguida cun galardón dotado con 1200 euros, trátase dunha obra na que narra a historia do traballador dun estaleiro afectado por un despido masivo de persoal, da que o xurado destacou o seu "realismo atroz". Por outra banda, “a complexa dirección” o ritmo propio dunha película de acción valéronlle a Xogo de nenos un terceiro premio dotado con 600 euros. Trátase dunha curta de suspense dirixida polo estudante de Comunicación Audiovisual Miguel R. Berride e realizada por Kasa Vella, que fora previamente galardoada no III Concurso A Canteira-Augal, dirixido a recoñecer os mellores proxectos que o alumnado da Facultade de Comunicación desenvolve no marco da súa formación académica.