Nas campañas dirixidas a mulleres migrantes que deseñaron nun proxecto de aprendizaxe-servizo
O alumnado da Facultade de Comunicación pon o foco no carácter universal da violencia machista
Este luns presentaron os seus proxectos no acto institucional da Subdelegación do Goberno
No marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) coordinado pola decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, preto dunha trintena de alumnas e alumnos do Máster en Dirección de Arte en Publicidade traballaron nos últimos meses en cinco campañas de concienciación sobre como a violencia machista afecta ás mulleres migrantes. Tratábase dun proxecto que desenvolveron xunto coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que este luns celebraba o seu acto institucional do Día Internacional para a Eliminiación da Violencia contra as Mulleres, no que as diferentes autoridades participantes puideron coñecer os proxectos de campaña desenvolvidos polo estudantado deste mestrado. Estas poñen o foco tanto na situación de dobre invisibilidade que sofren as mulleres migrantes e nas barreiras que teñen que facer fronte para poder denunciar situacións de violencia, mais tamén en que “a linguaxe da violencia é universal” e no papel que tanto diferentes axentes sociais como o conxunto da cidadanía debe xogar para facer fronte á violencia machista.
Nese senso, ás intervencións do subdelegado do Goberno, Abel Losada, e da responsable da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María José Rodríguez, sumáronse as presentacións de cinco grupos de estudantes, participantes nunha iniciativa seleccionada na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da UVigo. No marco dos traballos que desenvolven para cinco materias do mestrado, este proxecto de ApS permitiu o alumnado “desenvolver iniciativas para un contexto real”, como sinalou Torres, como sería neste caso deseñar para a Subdelegación unha campaña de sensibilización que poña o foco “nunha problemática moi concreta, a das mulleres migrantes, que sofren unha dobre vitimización”. De aí que a decana destacase neste acto a “experiencia enriquecedora” que supuxo para o alumnado un proxecto que levounos a investigar e reflexionar sobre esta problemática, para logo abordar como desde a comunicación poden achegar o seu "gran de area" na loita contra esta lacra social.
Dar visibilidade os recursos existentes
Como explicou Torres, trátase de campañas “en fase de elaboración”, que se achegan a este problema “desde enfoques moi diversos”, propoñendo accións en diversos medios e soportes, pero que comparten “un obxectivo claro, o de dar a coñecer” a esta poboación "os recursos existentes” en materia de protección. Con ese propósito, campañas como De mujer a mujer buscan “promover unha narrativa de comunidade, de sororidade entre as mulleres migrantes”, como sinalaron as súas responsables, que explicaron que a súa proposta tería como punto de partida unha serie de carteis coa verba axuda en diferentes idiomas, para logo promover iniciativas que motiven “os diferentes colectivos sociais á sumarse á causa”. A idea de “creación de comunidade” é tamén un dos eixes de El lenguaje de la violencia es universal, unha campaña na que se insiren accións como a creación dun mural colaborativo, coa participación de mulleres migrantes, ou a colocación de materiais informativos en servizos e espazos públicos.
Outra das propostas, Hay señales que son universales, buscaba xerar “unha nova linguaxe que sexa recoñecible” e que permita superar barreiras idiomáticas, a través dunha serie de iconas que permitisen identificar sete tipoloxías de violencia contra as mulleres, que propoñen levar tamén os espazos públicos. O proxecto Detecta y actúa, pola súa banda, propón facer uso da “estética das cámaras biométricas” para pór de relevo a situación que atravesan “mulleres que non están no sistema”, no caso daquelas migrantes que se atopan en situación irregular, co obxectivo de fomentar unha "resposta activa" da sociedade. Finalmente, esta serie de presentacións completouse con Barreras, un proxecto de campaña que busca facer fronte á “invisibilización” das vítimas migrantes a través de accións que amosen a sociedade a existencia dunha serie de barreiras, desde o idioma ou a precariedade laboral, “que moitas veces resultan invisibles para os demais”, explicaron as súas responsables.
Diferentes actos no campus
Máis aló deste ApS, a conmemoración do 25N é motivo central doutra serie de actividades nestes días no campus. Ese é o caso da mesa de debate sobre a violencia machista no deporte, que terá lugar este martes 26, ás 12.00 horas, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Promovida pola Comisión PEA-Unesco do centro eco Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coordinada polo investigador Santiago Roel, ten como obxectivo concienciar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía da importancia que ten o fomento da igualdade no deporte. Tamén este martes, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá as 16.00 horas a xornada Ser dos que pagan: os significados da prostitución, dirixida a xerar un debate sobre esta realidade, a partir da proxección da curtametraxe Paula con P de Reme, que será presentada pola súa directora, Isabel Salgado, estudante da Facultade de Dirección e Xestión Pública.