Nun curso que arrancou este mércores e que continuará ata o día 23 de outubro
O Campus Auga potencia a formación en transferencia
A iniciativa está dirixida a persoal investigador e xestor
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor da agroalimentación e os recursos hídricos acreditado pola Xunta de Galicia, celebra desde este mércores o Curso de formación de transferencia do coñecemento e tecnoloxía. A iniciativa está organizada en colaboración coa OTRI da Universidade de Vigo e a ela asiste persoal investigador e xestor da institución académica.
A formación está en consonancia cun dos obxectivos estratéxicos do Campus Auga, recollido no seu Plan Estratéxico 2024-2027, e que se refire a “promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico cara aplicacións prácticas que sexan útiles para as industrias e institucións locais, rexionais (eurorrexionais) e estatais”. Concretamente, no curso abordaranse, en diferentes sesións formativas, “temas concretos e relevantes no mundo da transferencia, co obxectivo de incentivar a participación en actividades de transferencia do coñecemento e presentar as diferentes ferramentas dispoñibles para a interacción entre a universidade e o tecido socio-económico”.
Do global ao específico
A docencia, presencial no campus de Ourense, ten lugar os días 16, 17 e 23 de outubro e corre a cargo do persoal da Universidade de Vigo Ángeles López (directora técnica da Oficina de I+D); Cristina López e Jose Jato (técnicos superiores de I+D) e Maruxa Álvarez (directora da Área de Emprego e Emprendemento). A programación arrancou este mércores cunha charla de Ángeles López sobre o sistema de innovación e os marcos institucionais e financeiros. A directora técnica da Oficina de I+D da UVigo salientou a importancia de abordar con iniciativas coma este curso “o itinerario de transferencia” e intentar así “meter a compoñente transferencia de coñecemento no ADN da carreira investigadora”. Trátase, apuntou, de que o persoal investigador contemple a transferencia “como unha vertente necesaria, transversal ao mundo da investigación”.
Concretamente, na súa intervención Ángeles López introduciu ás persoas asistentes “na situación de contexto, no sistema de innovación”, abordando en que consiste, cales son os seus marcos lexislativos e financeiros e cales os seus axentes e como se relacionan, entre outros aspectos. Así, presentou o “conxunto de elementos que están axudando a que se xeren innovacións e por tanto se xere riqueza, benestar e avance na sociedade”. A relatora explicou “en que escenario se está movendo a Universidade como elemento tractor para captar esas relacións estratéxicas que ten que forxar co resto de axentes do sistema de innovación para conseguir verdadeiramente un capital relacional basto que lle permita establecer colaboracións no mundo da I+D e da innovación e ser capaz de sacar rendemento á súa actividade de xeración de coñecemento”.
Outros dos temas abordados ao longo do curso serán a colaboración universidade-empresa, achegándose a figuras específicas para a materialización da transferencia; a importancia da protección do coñecemento para a transferencia; a valorización e as vías de explotación do coñecemento e a creación de empresas a partir dos resultados de investigación. A actividade rematará cun Obradoiro de emprendemento: da I+D+i ao mercado.