DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dando continuidade á aula de teatro que permite iniciarse nesta disciplina

O campus dótase dun grupo de teatro

As e os seus integrantes presentarán unha obra na Miteu

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/04/2025

Despois de pór en marcha unha aula de teatro, aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, e da recuperación en 2022 da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, o campus contará tamén coa súa propia agrupación teatral. Seguindo o esquema xa adoptado noutras actividades culturais de carácter permanente da Vicerreitoría, a actividade do grupo centrarase na preparación e representación de obras, mentres que a aula manterá un carácter formativo.

Esta combinación dunha aula formativa cun grupo máis orientado á preparación de actuacións púxose en marcha o pasado ano coa creación do Grupo de Música Tradicional do campus, ao que seguiu no presente curso o de baile tradicional. Nestas semanas, a estas iniciativas súmase a posta en marcha deste grupo teatral, que neste caso dá continuidade ao obradoiro de teatro desenvolvido no primeiro cuadrimestre e que ten como primeiro obxectivo preparar unha montaxe para unha nova edición da Miteu. 

De feito, esta iniciativa botou a andar cos e coas participantes no obradoiro desenvolvido no primeiro cuadrimestre, unha actividade “que funcionou moi ben”, como recoñece o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que explica que “a partir do curso que vén xa se vai convocar tanto o obradoiro como o grupo”. Deste xeito, ambas iniciativas desenvolverán a súa actividade de xeito paralelo ao longo do ano. No primeiro dos casos, engade, tratarase dunha iniciativa de carácter formativo, mentres que no segundo, o obxectivo é dar forma a un “grupo estable”, aínda que tamén aberto “a recibir máis membros se o director o considera oportuno”. 

O primeiro obxectivo, a Miteu

Baixo a dirección do tamén coordinador da aula, Jesús Salvador del Río, este grupo terá como “primeiro obxectivo”, lembra Torres, a súa participación na Miteu, que se desenvolverá en Pontevedra na primeira quincena de maio. Neste caso, a iniciativa implica dar continuidade ao traballo desenvolvido previamente cunha aula que contou cunha quincena de participantes, tanto “un grupo grande de universitarios”, como por persoas de diferentes idades, que “case todas tiveran algún contacto previo co teatro”, apunta Salvador Del Río. 

Nese senso, o tamén responsable de Teatro de Ningures destaca que a posta en marcha do grupo permitirá tanto preparar a participación tanto na Miteu de Pontevedra, como nas de Vigo e Ourense, nas que representarán a obra Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, así como participar noutras mostras de teatro universitario. Ao mesmo tempo, lembra, tamén contribúe a que a aula poida ofrecer “unha formación máis estable e máis ampla”, na que achegar aos e ás participantes “distintas facetas do teatro” e permitir iniciarse nesta disciplina “sen ter a obriga de representar ou de xirar coa obra”.

Nova cita coa recollida de aparellos electrónicos

Alén da actividade cultural, a Vicerreitoría do campus promove tamén, entre o vindeiro luns 28 e o venres 2 de maio, a XIX Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), dirixida a concienciar á comunidade universitaria da importancia dun correcto tratamento deste tipo de residuos, debido ao carácter contaminante dalgún dos seus compoñentes. Ao longo da vindeira semana, as diferentes facultades e escolas do campus, a Casa das Campás e o Pavillón Universitario disporán duns puntos de recollida no que a comunidade universitaria poderá depositar diferentes aparellos ou dispositivos informáticos, que serán trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.