DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As investigadoras poden envíar vídeos curtos contando o seu traballo ata o 15 de xaneiro

O CIM convoca a III edición do conxurso Marie Tharp dirixido a visibilizar o traballo das mulleres na ciencia mariña

O certame está dotado cun premio de 1000 euros para cada unha das categorías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • Institucional
DUVI 09/12/2024

A Comisión de Igualdade e Sostibilidade do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acaba de lanzar a terceira edición do concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao centro. O certame consta de dúas categorías: predoutoramento e posdoutoramento junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por cada unha delas. “A nosa misión é apoiar e motivar ás investigadoras mozas para que continúen o seu camiño e consoliden a súa posición, eliminando as barreiras de xénero na ciencia, de aí a necesidade de seguir impulsando este tipo de iniciativas”, explica a presidenta da comisión, a profesora Ana Bernabeu, ao tempo que anima ás mozas investigadoras do CIM a manter a súa paixón e a participar nunha iniciativa que “dará visibilidade ao seu traballo e á súa visión do mesmo, ofrecendo un plus a toda a investigación mariña que se está a realizar ". 

Dirixido a visibilizar o papel das mulleres na ciencia mariña, o galardón está convocado na honra da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental. 

As investigadoras interesadas en participar deberán gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto contando brevemente e de forma sinxela en que traballan e cal é o motivo, os obxectivos, o plan de traballo, os resultados e  o impacto da súa investigación. O vídeo deberá enviarse antes do 15 de xaneiro de 2025 a cim@uvigo.gal. 

O galardón premiou xa o traballo de seis mozas investigadoras

Na primeira edición a peza audiovisual da investigadora María Alborja Valado, na categoría predoutoramentol, explicaba o seu traballo no ámbito da optimización da alimentación das especies criadas en acuicultura para mellorar o benestar animal e, por tanto, o rendemento destas explotacións proveendo ao consumidor dun produto seguro, san e sostible. Por outro lado, a investigadora Sara Gamboa presentou un vídeo na categoría de posdoutoramento onde mostraba a relación entre os procesos macroevolutivos e a súa relación cos cambios climáticos e, por último, a peza da investigadora Iria García Moreiras, que obtivo mención especial, afondaba na distribución de microalgas en ecosistemas costeiros, o que ten gran relevancia para os ecosistemas mariños e para o clima global. 

Ao ano seguinte, o vídeo da investigadora Estefanía Pereira, gañador da categoría de predoutoramento centrouse nun tema de grande actualidade como é a contaminación por microplásticos, mentres que a investigadora Sara Comesaña gañou a categoría posdoutoramento explicando con imaxes o seu traballo no ámbito da sostibilidade da acuicultura a través do estudo da viabilidade de novos ingredientes para pensos de rodaballo. Tamén houbo unha mención especial para o vídeo da investigadora Elisa Osorio, no que afondaba na acuicultura pero, no seu caso, sobre control parasitario en cultivos de ourizo de mar co obxectivo de desenvolver este sector en Galicia.