Ambos centros organizaron este venres visitas guiadas para amosar o seu potencial investigador
Cintexc e atlanTTic abren as súas portas á cidadanía
Os corredores e laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, e do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, rebordaban actividade na mañá deste venres. E é que as xornadas de portas abertas que ambos centros celebraron hoxe achegaron ao campus máis de dous centos de estudantes de secundaria de toda Galicia que puideron coñecer de primeira man os equipos de investigación, as infraestruturas máis singulares e os principais proxectos e liñas que desenvolven os grupos de ambos centros singulares da UVigo.
150 estudantes de bacharelato tecnolóxico no Cintecx
No caso de Cintecx, foron 150 mozos e mozas de bacharelato tecnolóxico os que tiveron a oportunidade de descubrir a actividade investigadora que se realiza nas diferentes áreas do centro, seguindo un divertido itinerario de busca do tesouro. Nesta quinta edición das Xornadas de Portas Abertas, o equipo do Cintecx deseñou un programa con 15 actividades que foron guiadas por unha vintena de científicos e científicas. As alumnas e alumnos achegáronse, por exemplo, ao campo da enxeñería biomédica e aos biomateriais e coñeceron os usos que poden ter os recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais. Tamén participaron en actividades relacionadas coa xeración de enerxía, as reaccións de combustión ou os xeradores eléctricos, así como en obradoiros de procesamento de materiais con láser, remediación de augas contaminadas, corrosión, termografía infravermella, biosurfactantes e novos compostos biodegradables ou montaxe de maquinaria. A programación tamén incluíu talleres sobre o subsolo, escáner 3D e enxeñería inversa, un banco de probas de motor asíncrono ou o xeorradar.
En atlanTTic, estudantes pola mañá e cidadanía pola tarde
Por outra banda, as xornadas Conecta con atlanTTic, que cada ano organiza este centro da UVigo, reuniron ao longo da mañá a preto de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia para coñecer, a través de experimentos e retos, as liñas e proxectos de investigación dos diferentes grupos. As e os asistentes puideron visitar tres dos laboratorios máis singulares de atlanTTic que son referentes nacionais e europeos: o Laboratorio de Seguimento de Satélites; o Laboratorio de Acústica, xunto coa cámara semi-anecoica e o Laboratorio de Medidas radioeléctricas e a súa cámara anecoica.
Ademais, o persoal do centro tamén lles amosou os proxectos punteiros e as últimas aplicacións que están a desenvolver no marco das principais liñas de traballo de atlanTTic: tecnoloxías 5G e 6G, comunicacións ópticas, fotónica integrada, aplicacións accesibles, intelixencia artificial, criptografía cuántica, teledetección ou sistemas aeroespaciais.
Xa pola tarde, o centro abre as súas portas á cidadanía en xeral.