Foi ofrecida polo catedrático José Manuel Sobrino
Unha conferencia aborda o conflito entre Rusia e Ucraína desde a perspectiva do dereito internacional
A iniciativa arranca a programación unha nova edición do Curso de Actualización Xurídica
Este venres arrancou na Facultade de Dereito do campus de Ourense unha nova edición do seu Curso de Actualización Xurídica, no que se abordan temáticas de actualidade e transversais ás diferentes áreas do dereito. A súa primeira conferencia consistiu nunha aproximación desde o dereito internacional ao conflito armado entre Rusia e Ucraína e foi ofrecida por José Manuel Sobrino Heredia, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña.
Na súa conferencia, presentada polas profesoras Francisca Fernández Prol e Mª Belén Sánchez, o relator presentou “o conflito armado que existe desde hai oito meses entre Ucraína e Rusia pero non desde unha perspectiva política senón desde unha perspectiva xurídica, desde o dereito internacional”. Na súa intervención analizou se se trata dun conflito armado internacional (como di Nacións Unidas) ou dunha operación militar particular (como di Rusia), sinalando o catedrático que “realmente é o primeiro”. Sobrino Heredia explicou que “Rusia di que non houbo agresión pero segundo o dereito internacional é agresión” e, apuntou, “conflito armado e agresión significa que hai que aplicar o dereito internacional humanitario, que se está violando continuamente”.
Ao longo da súa conferencia ante o alumnado e profesorado presente, o catedrático de Dereito Internacional Público tamén falou de dereito dos conflitos armados, do tipo de armas se empregan e de como “asistimos a crimes internacionais”, en concreto crimes de guerra, crimes de lesa humanidade e crimes de agresión. Tamén explicou como “eses crimes hai que logo demostralos” e como está funcionando a Corte Penal Internacional, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e a Corte Internacional de Xustiza. “Agora mesmo hai asuntos pendentes ante estas tres instancias xudiciais nas que Ucraína ten solicitado medidas cautelares que Rusia non está aplicando”, indicou. A situación, dixo José Manuel Sobrino Heredia, resulta complexa desde o punto de vista do dereito internacional xa que Rusia é membro permanente do Consello de Seguridade de Nacións Unidas e pode vetar a maior parte das iniciativas internacionais. "Rusia ten a forza e a lexitimidade que lle dá o dereito ao ser recoñecido como membro permanente deste Consello de Seguridade, que é o órgano fundamental polo que respecta ao mantemento da seguridade e a paz internacionais e iso bloquea o funcionamento das Nacións Unidas”, afirmou. Fronte a este bloqueo, apuntou, buscan saídas a Corte Penal Internacional e o Tribunal Internacional de Dereitos Humanos. “A resolución que adopte a Corte Internacional de Xustiza vai ser máis testemuñal que outra cousa porque para que fose eficaz tería que pasar polo Consello de Seguridade e o Consello de Seguridade non llo admite”, comentou o experto.
Inicio do Curso de Actuación Xurídica
Con esta conferencia arrancou un curso académico máis na Facultade de Dereito o seu Curso de Actualización Xurídica. A iniciativa, que cumpre a súa quinta edición, contará con oito conferencias, cada unha delas centrada nunha área diferente do dereito, sobre temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico. Esta actividade púxose en marcha en 2017/2018 no marco das accións da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área del participa propoñendo un experto ou experta e unha temática que poida ser de interese para persoal docente e investigador das diferentes áreas de coñecemento no eido xurídico.
Como en anteriores edicións, os obxectivos desta iniciativa son avanzar na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador deste centro e do seu alumnado e facilitar a súa actualización en temáticas xurídicas alleas ás súas especialidades. Coa súa celebración o centro tamén quere propiciar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade e fomentar a conformación de foros de debate e discusión en temáticas de interese xurídico. Entre os temas que se abordarán nas conferencias, que se prolongarán durante todo o curso académico, están o novo sistema penal, os mercados dixitais e a protección dos consumidores e a Lei 3/2022, de 24 de febreiro, de convivencia universitaria.