Nunha serie de mesas redondas que se desenvolverán ao longo da vindeira semana
EmpregoinCampus conectará o alumnado do campus cos seus sectores profesionais
Coa participación de máis 20 representantes de institucións, empresas e entidades
Como “unha semana de actividades vinculada á mellora da empregabilidade do alumnado” presenta a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade, Maruxa Álvarez, a programación que o programa EmpregoinCampus desenvolverá entre o vindeiro luns 23 e o venres 27 en diferentes facultades e escolas do campus. Promovido pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Trabajo y Economía Social, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, EmpregoinCampus adopta en Pontevedra un formato diferente ao das feiras celebradas en Vigo e Ourense, apostando por unha serie de mesas nas que profesionais de diferentes ámbitos achegarán o alumnado á realidade dos seus futuros ámbitos de traballo.
“Nestas mesas, poderán coñecer distintas saídas laborais dentro do seu ámbito e que requirimentos ou competencias necesitarán para poder exercer a súa profesión”, sinala Álvarez destes encontros, nos que participarán máis dunha vintena de profesionais e representantes de institucións, empresas e entidades. Con inscrición previa, a programación de EmpregoinCampus abrangue oito mesas de diferentes ámbitos, complementadas á súa vez por “espazos de socialización e networking”, no que o alumnado poderá entregar os seus currículos e conversar coas e cos profesionais participantes.
Este programa de actividades complétase á súa vez coa mesa Talento e Superación, o venres 27, e coa organización duns xogos dirixidos a pór de relevo a importancia de determinadas competencias na inserción laboral.
Mesas específicas por ámbitos
A programación de EmpregoinCampus arrancará o luns 23, ás 16.00 horas, na Facultade de Fisioterapia, con dúas centradas no ámbito sanitario, especialmente dirixidas ao alumnado deste centro e da Escola Universitaria de Enfermaría. A primeira porá o foco no emprego no ámbito hospitalario e contará coa participación de Carlos Cáceres, fisioterapeuta do Hospital Rivera Povisa; Silvia Esther Sánchez, do servizo de Enfermaría da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés; e María Veiga, directora territorial de Enfermaría de Quirón Saludo. A continuación, o traballo en clínicas privadas centrará o coloquio no que intervirán o fisioterapeuta Hugo Ogando, responsable de ClínicasOn, e Xoel Hermelo, director de Saúde Sport.
Na tarde do martes, a actividade trasládase á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con dúas novas mesas. A primeira delas porá o foco no sector educativo, coas intervencións da directora do CFR de Vigo, Consuela Rivera, a profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro e o inspector de educación José María Alén; mentres que a segunda estará dedicada ao ámbito deportivo. Nela participarán José Manuel Amado, presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar; José Benito Pastoriza, socio fundador da empresa Marexada; e Henrique Xoán Rodríguez, presidente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef Galicia).
O mércores 25, a Escola de Enxeñaría Forestal acollerá, ás 10.00 horas, un primeiro coloquio no que se promoverá unha aproximación ás demandas do sector, da man da directora da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Mercedes Rois e do decano do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia, Xaime Óscar Iglesias. Centrado xa no emprego no sector empresarial, un segundo coloquio contará coas intervencións de Conchi Bretaña, directora de Recursos Humanos de Finsa; Fernando Pérez, responsable de Föra Forest Technologies; Francisco Abilleira, xerente de Redenor, e dun representante de Ence. Xa pola tarde, a actividade trasládase á Facultade de Comunicación, cun encontro no que participarán Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Fernando Rodríguez, director de Con C de Comunicación, e Uxía Caride, xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
Por último, o venres 27 a Facultade de Dirección e Xestión Pública acollerá unha última conversa, centrada no traballo no sector público. Contará coas intervencións do delegado en Pontevedra da Axencia Tributaria, Daniel Gómez Aragón; e de Fernando Vicente e Mar Caramés, traballadores da Xunta de Galicia e do Concello de Vilagarcía de Arousa, respectivamente.
Talento e superación
O broche á esta semana de actividades porao unha nova edición da mesa Talento e Superación. Comezar, chegar e continuar, dirixida a achegar á comunidade universitaria a traxectoria de figuras de referencia nos eidos deportivo, empresarial e artístico, co obxectivo de que que poidan servirlles como fonte de inspiración e motivación no seu futuro profesional. Moderada pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, esta conversa contará coa participación da exnadadora olímpica Ana Montero, o empresario Luis Taboada, que a revista Forbes incluíu na lista dos cen empresarios máis creativos de España, e o ilustrador e autor e editor de banda deseñada Kiko da Silva.
Aberta a toda a cidadanía, con inscrición previa no correo electrónico contacto@clinicason.com, con preferencia para o alumnado da Universidade, esta mesa terá lugar o venres 27 ás 20.00 horas na sala de conferencias da Vicerreitoría do campus.
Xogos do emprego
No marco desta semana de actividades, a Área de Emprego e Emprendemento levará ás facultades pontevedresas os "xogos de emprego" que promove en 14 centros dos tres campus. Esta iniciativa arrancaba esta semana nos campus de Vigo e Ourense e propón ao alumnado participar nunha serie de xogos que buscan que “gañen conciencia de certas competencias que van ser importantes de cara a súa inclusión no mercado laboral”, como a necesidade de fixarse metas ou “a importancia da marca persoal”, explica Álvarez. As e os participantes entran no sorteo dunha viaxe en parapente e, no caso de Pontevedra, a actividade desenvolverase entre o luns 23 e o mércores 25 nas facultades de Fisioterapia, Belas Artes e Comunicación.