DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración da segunda edición do seu Foro Alumni

Enxeñaría Aeronáutica pon en valor as traxectorias dos seus egresados e egresadas

Na xornada a escola tamén fixo públicos os gañadores dos seus premios de fotografía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 11/04/2025

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este venres o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica. Fíxoo cunha programación que incluíu a segunda edición do seu Foro Alumni e a entrega de premios do seu concurso AeroVisión2025.

No II Foro Alumni, o estudantado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da UVigo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os camiños profesionais que tomaron cinco egresadas e egresados desta escola. Concretamente, participaron Raúl Quibén, enxeñeiro aeronáutico e estudante predoutoral da Universidad Carlos III; Gema González-Redondo, responsable de produción en Aciturri Aeronáutica; Pablo Domínguez, enxeñeiro de deseño para Airbus Helicopters; Ana Cambón, enxeñeira de procesamento de datos en Eumetsat, e Paula Salomón, responsable de planificación e coordinación en Utingal. Coa súa elección, o centro quixo dar visibilidade a diferentes perfís profesionais en diferentes sectores.

Na benvida e presentación do foro, Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, amosou o orgullo e satisfacción que supón para o centro que os seus egresados e egresadas volvan ás súas aulas para falar da súa incipiente traxectoria profesional en eidos moi diversos. A responsable académica destacou a oportunidade que a súa presencia e esta xornada supón para o alumnado do grao, que pode coñecer de primeira man os pasos que foron dando predecesores seus para o desenvolvemento das súas carreiras unha vez remataron os seus estudos no campus.

Entrega de premios AeroVisión

Na xornada deste venres tamén se fixeron públicos os galardóns da terceira edición do certame AeroVisión 2025, no que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convidaba a presentar as mellores imaxes do ámbito aeronáutico e/ou espacial. O obxectivo desta iniciativa é contribuír a visibilizar a ciencia e a tecnoloxía espacial ante a sociedade co gallo do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica. Ao certame presentáronse máis dunha vintena de propostas e un xurado elixiu entre elas un primeiro premio (dotado cun dron); un segundo (un telescopio) e un terceiro (uns prismáticos). Desde a organización do concurso destacaron a boa acollida desta iniciativa e a calidade das propostas presentadas e animaron ao alumnado do centro a presentar tamén en vindeiras edicións as súas imaxes.

O primeiro premio AeroVisión 2025 foi para David Piqueras Aparicio, de Valencia, “gran afeccionado á montaña e á fotografía” pola súa imaxe Rescate na montaña. O segundo premio recaeu en Iñaki Abella Diéguez, ourensán afincado en Vilagarcía de Arousa, que “conta con máis de 15 anos de traxectoria profesional no mundo da fotografía e amplos estudos especializados na materia”. A súa fotografía premiada leva por título Descarga aérea. O terceiro premio foi para Nicolás Piñeiro Castro, de Santiago de Compostela e alumno de primeiro curso do Grao de Aeroespacial da Universidade de Vigo, pola fotografía Amencer a 12.000 metros.