DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira actividade foi un obradoiro en liña para alumnado de entre 10 e 14 anos

Enxeñaría de Minas e Enerxía pon en marcha unha iniciativa de cooperación educativa cunha escola do Sáhara occidental

A proposta chegou da man dun alumno do centro vinculado á comunidade saharauí

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Internacional
  • Cultura
D. Besadío DUVI 27/02/2025

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acaba de pór en marcha unha iniciativa de cooperación educativa cun centro do Sáhara occidental. Esta semana tivo lugar a primeira das actividades, un obradoiro en liña para rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, e a idea é que esta colaboración poida prolongarse no tempo, con novas actividades de interese formativo para o alumnado dun sistema educativo, o saharauí, que día a día ten que facerlle fronte a retos como a escaseza de recursos, a falta de docentes ou a urxente necesidade de modernizar os seus plans de estudo.

Esta colaboración xorde a proposta dun dos estudantes da escola viguesa, Héctor Santorum, ‘Bujari’, alumno moi vinculado á comunidade saharauí, e desde o primeiro intre foi ben recibida desde a dirección. Nesta ocasión, uniuse á organización deste primeiro obradoiro a investigadora Raquel Pérez, responsable de Divulgación Científica do centro, quen valorou moi positivamente esta experiencia.

Actividades adaptadas á súa realidade educativa

A sesión consistiu nun obradoiro de combustión impartido de xeito telemático, dirixido á clase da profesora Ahjabha Hamadi, na escola Salem-Ahmed Baricala, situada na wilaya de Bojador, na República Árabe Saharauí Democrática, RASD. A metodoloxía experimental permitiu reforzar os coñecementos das alumnas e alumnos que o próximo ano iniciarán a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). “Ademais, o uso de vídeos na aula facilitou a comprensión e o interese do estudantado, ofrecendo unha ferramenta didáctica valiosa adaptada á súa realidade educativa”, salienta Pérez Orozco.

A wilaya de Bojador é unha das cinco provincias dos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf, Arxelia, establecidos entre 1975 e 1976. Nestes campamentos a educación representa un piar fundamental para a resistencia e o desenvolvemento da comunidade saharauí polo que iniciativas como esta fortalecen o seu sistema educativo e fomentan a solidariedade internacional, contribuíndo a un acceso máis equitativo ao coñecemento e ao futuro académico do alumnado.