Os volumes están dispoñibles na Biblioteca da facultade e recollidos na mostra 'Ultima Tule'
Filoloxía e Tradución visibiliza o legado bibliográfico do José Antonio Fernández Romero, pioneiro dos estudos escandinavos en España
Finado en 2011, cedeu á UVigo, onde foi docente, un cento de libros da súa colección
José Antonio Fernández Romero foi un dos grandes referentes nacionais en estudos nórdicos e un moi querido e lembrado docente de lingua española na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade da Vigo. Trala súa morte en 2011, o profesor legou boa parte da súa colección bibliográfica á institución académica, un patrimonio que agora se quere poñer en valor a través da exposición Última Tule. A mostra, que está xa está aberta na biblioteca da FTT, busca render homenaxe a este pioneiro dos estudos escandinavos en España e Premio Nacional de Tradución en 1996, que contaba tamén coa Cruz de Cabaleiro da Orde islandesa do Halcón.
O decano da FFT, José Montero Reguera, lembra que Fernández Romero era doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e chegou a Islandia (terra á que Virxilio se refería como Tule) nos anos cincuenta do pasado século e converteuse no primeiro profesor de español da illa, ademais de ter sido fondo coñecedor doutras terras nórdicas como Suecia ou Finlandia. Cando regresou a Galicia incorporouse como profesor titular de lingua española ao Colexio Universitario de Vigo, xermolo da actual Universidade de Vigo, onde se xubilou como emérito. Un ano despois do seu pasamento, en 2012, a institución académica rendeulle unha merecida homenaxe poñéndolle o seu nome ao salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, centro que agora dá acubillo a parte do seu patrimonio bibliográfico tras un proceso de catalogación. “Hoxe ese legado –un cento de volumes directamente relacionados coa súa especialidade: escandinavística, tradución, linguas nórdicas– está xa incorporado á biblioteca da facultade que se converte, así, en posuidora dun magnífico fondo especializado ao dispor de estudantes, profesorado e comunidade universitaria”.
O eixo central, das obras: a tradución do islandés ao español
Dicionarios, manuais e textos literarios en linguas nórdicas constitúen a base deste fondo documental “onde a parte islandesa ten especial presencia, en consecuencia coa traxectoria investigadora do profesor Fernández Romero”, que contaba tamén co título de Filoloxía Islandesa pola Universidade de Islandia. Entre o legado deixado á UVigo hai volumes como o diccionario An introduction to old norse de 1957, editado por Oxford ou un exemplar do Heimskringla, conxunto de sagas nórdicas redactadas en nórdico antiguo en Islandia arredor de 1225.
A exposición, “verdadeira última Tule”, comprende tamén algunhas obras académicas do propio Fernández Romero, como a tradución da Saga de Gisli Sursson ou a tradución ao galego das Lendas islandesas do reverendo Skúli Gílslason (Edicións Xerais de Galicia, 1982). Segundo detalla o decano, este traballo non foi sinxelo, pero Fernández Romero entendeuno como “estímulo prós que desexen iniciarse ao coñecemento dun dos países máis suxerentes de Europa e menos coñecidos en España e que estas páxinas constitúan un primeiro contacto con el. Se fose así, sentiríame recompensado polas fadigas [sic] desta tradución” (p. 17).
Ademais, Montero Reguera tamén destaca que Romero incorporou á longa tradición de textos inspirados no Don Quixote un par de poemas islandeses dos que fixo a tradución ao español.
O primeiro dos tres premios nacionais cos que conta a FFT
O decano da FFT pon en valor a traxectoria de Fernández Romero como tradutor, principalmente do islandés ao español, traballo polo que acadou o Premio Nacional de Tradución en 1996 por Poesía Nórdica, antología realizada en colaboración con Francisco J. Uriz. De feito, Romero foi o primeiro dos tres premios nacionais cos que conta a FFT entre o seu corpo docente. Tras o seu recoñecemento, chegou o de Gonzalo Navaza, que foi galardoado co Premio Nacional da Crítica en 2002 por Libra e o de Elena Cortés, Premio Nacional de Tradución en 2021 por El Diván de Oriente y Occidente de Johann Wolfgang von Goethe.