DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar o sábado 5 de abril

As Fragas do Eume, destino dunha nova ruta cultural da UVigo

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 02/04/2025

O sábado 5 de abril a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza unha nova ruta cultural. Será a novena andaina deste curso académico e levará ás persoas participantes polas Fragas do Eume e ao Mosteiro de Caaveiro. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

O percorrido, de 15,5 quilómetros e dificultade media, discorrerá por “un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, un paraíso de biodiversidade cunha vexetación exuberante e ríos de augas cristalinas”, tal e como indican desde a organización da actividade. Trátase, sinalan, “dun lugar máxico onde natureza e historia se entrelazan”. No percorrido, as persoas participantes coñecerán o Mosteiro de Caaveiro, “unha xoia medieval cunha historia de máis de mil anos, dende onde se gozan vistas espectaculares”, e a antiga Central de Ventureira, “hoxe en desuso pero que lembra a importancia histórica da produción hidroeléctrica na zona”.

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo.