DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aos mellores expedientes e ás persoas gañadoras dos concursos de contos e fotografía

Minas e Enerxía celebra Santa Bárbara coa entrega de múltiples premios e a estrea de novas iniciativas

Presentouse unha colección web con máis de 200 especies minerais e inaugurouse un mural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/12/2024

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrou este martes a súa patroa, Santa Bárbara, símbolo de protección e seguridade nos traballos do sector dos recursos mineiros. Fíxoo cun acto no vestíbulo do centro no que se reuniron numerosos representantes da comunidade universitaria e onde se entregaron múltiples premios, tanto aos mellores expedientes, como ás persoas que gañaron os concursos que cada ano se convocan desde a escola: Contos-EME e Enfoca.RME.

Os primeiros en recoller os seus premios foron os gañadores do concurso de relatos curtos. Na categoría de bacharelato ou ciclo superior de FP o galardón foi para Emma Regueira, do IES Johan Carballeira de Bueu, e, na categoría de alumnado de grao ou mestrado da Universidade de Vigo para Brian Torres, do Grao en Enxeñaría da Enerxía. Ademais entregáronse dous accésits: un a Emma Duro, do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, e outro a Lucía Castrillo, do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.

No caso do concurso de fotografía Enfoca.RME, xa tradicional na escola, o primeiro premio recaeu este ano na imaxe A cielo abierto, de José Manuel Máiquez e  o segundo en Eólicos, de Gaspar Somoza, entregándose tamén un accésit á imaxe Costa da morte, de Javier Arcenillas.

A celebración da patroa é tamén o marco elixido para a entrega dos premios aos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (Raúl Rodríguez Blanco e Carmen Marahona); Grao en Enxeñaría da Enerxía (Sara García e Carla González) e o Máster en Enxeñaría de Minas (Diego Costas e Abraham Novas). Neste caso a entrega dos premios correu a cargo do Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia, COITMGA,  e do Colexio de Enxeñerios de Minas do Noroeste, COIMNE.

Presentación dunha nova colección de minerais...

A maiores da entrega dos premios, nesta ocasión a celebración da patroa trouxo tamén consigo a presentación da plataforma web Menas Metálicas ao microscopio, a cargo da profesora Teresa Rivas Brea, coordinadora do grupo de innovación docente Xeoda. Esta web inclúe a descrición de 200 especies minerais comúns de menas e gangas estudadas ao microscopio óptico de luz reflectida por Ricardo Castroviejo. Son menas e gangas seleccionadas de entre todas as existentes, tendo en conta a súa abundancia na cortiza terrestre e a súa importancia como recurso económico, “contidos de utilidade para as persoas que traballan na explotación de recursos minerais, pero que tamén poden interesar a persoas inquietas amantes da mineraloxía”, explicaron desde o proxecto.

... e inauguración dun mural

Tamén da man da profesora Teresa Rivas tivo lugar a inauguración do mural Entaraña, unha acción coa que a Escola quere pór de manifesto unha das facetas profesionais máis descoñecidas das persoas graduadas en enxeñaría de minas: a conservación do muralismo contemporáneo. Tal e como se explicou na inauguración, trátase dun fragmento do mural vigués Entaraña, creado en 2008 por Liqen e Delio Rodríguez, unha das primeiras manifestacións artísticas do posgraffiti galego que foi derruído en 2024 pero, previamente a desaparecer, foi estudado por un grupo de investigación da Escola para coñecer como se deterioran os materiais empregados nestas obras de arte e desenvolver produtos e estratexias para minorar o efecto derivado do paso do tempo e a interacción das obra cos axentes de deterioro.