O volume coordinado pola docente Iria Vázquez Silva preséntase este xoves
'Non nacemos para coidar', unha aproximación multidisciplinar á realidade dos coidados desde a perspectiva feminista
Reúne oito traballos cos temas máis candentes sobre o traballo de coidados
“Se existe unha verdade universal é aquela que manifesta que as mulleres-a metade da humanidade-, se teñen encargado moi maioritariamente dos coidados e da crianza da proxenie, así como do fogar onde crecen. Esta verdade, que podería ser considerada a máis importante da historia dos seres humanos é, sen embargo, unha realidade que ten lastrado o pleno desenvolvemento das mulleres”. Así comeza o limiar de Usos do tempo e coidados. Coidar para vivir ou vivir para coidar?, un artigo da docente, investigadora e directora do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da UVigo, Carmen Verde-Diego, no que percorre desde o rol das mulleres e os coidados na España franquista até a actualidade, ademais de afondar nas características e evolución do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e como o roles normativos de xénero seguen presentes nos coidados.
O traballo de Carmen Verde-Diego é un dos sete que integran Non nacemos para coidar. A realidade dos coidados desde unha perspectiva de xénero, un volume coordinado pola docente e investigadora do Grupo GETS-IT Iria Vázquez Silva e editado polo Servizo de Publicacións da UVigo que este xoves, 24 de abril, se presentará na Facultade Comercio, nun acto que comezará ás 18.00 horas. “Con este volume preténdese dar a coñecer investigacións realizadas por investigadores e investigadoras da UVigo sobre a realidade dos coidados desde unha perspectiva feminista: tanto desde o eido lexislativo, sociolóxico, económico ou da historia... Trátase de achegar ao público unha publicación cos temas máis candentes sobre o traballo de coidados na nosa sociedade”, explica a coordinadora e autora dun dos capítulos do libro.
Unha obra colectiva e multidisciplinar
Ao longo de 150 páxinas, as autoras e autores especializados en Historia, Dereito, Socioloxía, Economía e Traballo Social percorren os coidados desde diferentes enfoques, “todos eles necesarios para comprender a súa complexidade”, asegura Iria Vázquez en relación coas achegas Andrea Mouriño Schick, Carmen Verde-Diego, Jaime Cabeza, Olga Alonso-Villar, Coral del Río, Sabela Pérez-Martín, Javier de Cominges Cáceres e Águeda Gómez.
“Valorouse a diversidade de disciplinas e enfoques sobre o traballo de coidados; ademais, contamos con investigacións recentes e punteiras nesta temática. Por exemplo, recóllese a nova lexislación sobre as empregadas de fogar e como foi o litixio estratéxico para acadalo; a inserción socio-laboral das mulleres inmigrantes neste eido ou unha valoración da aplicación da lei de dependencia. Trátase de ofrecer unha panorámica sobre a situación dos coidados no noso contexto”, detalla a coordinadora do volume, que arranca cun Receitario para deconstruír o androcentrismo na (Pre)Historia: o cotiá como perspectiva, un traballo no que Andrea Mouriño desenterra estereotipos vinculados a etiquetas como as “tarefas do fogar” ou “actividades secundarias”, poñendo en valor a súa significación social en calquera grupo humano ao longo da historia.
Desde a área do Dereito, o catedrático Jaime Cabeza Pereiro achega en Enfoque dos coidados no eido laboral e discriminación de xénero un percorrido sobre o conflito entre as obrigas no eido laboral e as que se sosteñen no ámbito familiar, abordando ademais cuestións como a conciliación e o teletraballo, ou o vínculo entre conciliación e fenda salarial. As economistas Olga Alonso-Villar e Coral del Río, pola súa banda, ofrecen en Dime o teu sexo (e nacionalidade) e direiche onde traballas unha análise pormenorizada do grao de feminización das ocupacións máis estreitamente vinculadas cos coidados en España, distinguindo o papel xogado polas mulleres nativas e as inmigrantes.
Mentres, no traballo asinado por Vázquez Silva e Sabela Pérez-Martín As cadeas globais dos coidados. O patriarcado alén das fronteiras, as autoras reflexionan sobre como diferentes sistemas de opresión, o patriarcado e o capitalismo colonial, se entrecruzan demandando “coidadoras” que emigran dun continente a outro, deixando atrás outros baleiros de coidado, que serán cubertos por outras mulleres aínda máis precarias. Mentres, Javier de Cominges céntrase en As que limpan. Unha visión europea da discriminación por razón de xénero na historia nun caso xurídico estratéxico, facendo un percorrido pola situación das empregadas de fogar en España e a súa discriminación por razón de xénero no acceso ás prestacións.
O volume remata con A maxia dos coidados no espazo común da vida, un traballo no que a docente e investigadora e ex directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, reflexiona sobre a existencia e o funcionamento de sociedades onde o colectivismo e a axuda mutua son centrais, facendo para iso un percorrido por diferentes contextos culturais.
Poñer os coidados no centro para acadar a iguadade
“Por unha banda, precisamos un reparto dos coidados entre homes e mulleres no eido familiar; pero tamén un compromiso das institucións para seguir lexislando a prol dos dereitos de conciliación. Ademais, as traballadoras no eido do emprego do fogar e dos coidados merecen un salario acorde coa relevancia do seu labor, así como un recoñecemento social do seu traballo. Aquí queda moito camiño por percorrer”, reflexiona Iria Vázquez Silva.
Para a coordinadora e autora dun dos artigos de Non nacemos para coidar, poñer os coidados no centro é unha ferramenta mutiplicadora para acadar a igualdade. “Supón falar do noso dereito ao auto-coidado, do reparto igualitario do traballo dentro do fogar, da esixencia de dereitos laborais das empregadas do fogar, etc. Non nacemos para coidar entra a fondo nestes debates, apostando por unha dignificación das súas condicións laborais, fronte a unha (perigosa) ‘ética reaccionaria dos coidados’ que supostamente valora o traballo que as mulleres facemos, mais pasando por unha renuncia do noso propio benestar para servir a outros, ese ‘ser-para-outros’ perverso do que xa nos advertira Simone de Beauvoir en 1949”, sinala Iria Vázquez.