DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro cuadrimestre ofertouse inglés, italiano, árabe, ruso, portugués, alemán, chinés e francé

Unha nova edición do Tándem Lingüístico convida á comunidade universitaria a aprender novos idiomas

Permite conectar con falantes de múltiples linguas procedentes de programas de mobilidade internacio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Cultura
DUVI 07/04/2025

O programa Tándem Lingüístico, impulsado pola Vicerreitoría de Internacionalización en colaboración co Centro de Linguas, semella que chegou para quedarse. A iniciativa, que botou a andar o curso pasado, está a ter moi boa acollida entre a comunidade universitaria e acaba de lanzar unha nova convocatoria, a correspondente ao segundo cuadrimestre deste curso.

Co obxectivo de fomentar o intercambio cultural e a aprendizaxe de linguas entre a comunidade universitaria, a idea é poñer en contacto falantes de múltiples idiomas procedentes dos programas de mobilidade internacional. 

O prazo de inscrición xa está aberto e permite participar a toda a comunidade universitaria, tanto persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos como alumando propio ou de programa de intercambio. As persoas interesadas poden rexistrarse nunha plataforma en liña e, unha vez inscritas, poderán indicar os idiomas que queren practicar e ofrecer, facilitando así a creación de tándems lingüísticos axeitados ás súas preferencias e intereses. A partir deste intre, cada unha das ‘parellas’ decidirá como xestionar os encontros, tratando que sexan de carácter informa e distendido, adaptándose ás necesidades e á dispoñibilidade de cada unha das persoas participantes. Ademais das competencias lingüísticas, a Vicerreitoría de Internacionalización, busca con estes tándems contribuír á promoción da diversidade e ao fortalecemento das competencias interculturais.

Oito idiomas no primeiro cuadrimestre

Os tándems convocaranse en dúas quendas cada curso, unha por cuadrimestre, tratando de adaptarse á chegada de alumnado internacional que pode achegar a este programa a súa diversidade idiomática e cultural. No primeiro cuadrimestre participaron un total de 60 persoas que ofreceron oito linguas: inglés, italiano, árabe, ruso, portugués, alemán, chinés e francés.