Aberto ata día 6 o prazo de inscrición no Itinerario Formativo Virtual en Xénero
A UVigo lanza 23 cursos para introducir a perspectiva igualitaria na formación da comunidade universitaria
A Unidade de Igualdade lanza unha nova edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero co obxectivo de incrementar a calidade na docencia universitaria a través da incorporación da formación teórica en xénero e da inclusión do enfoque de xénero. Esta iniciativa, que botou a andar en 2020, busca ampliar a perspectiva igualitaria a toda a comunidade universitaria e faino ofrecendo un total de 23 cursos en modalidade en liña que se organizan por bloques temáticos.
A duración dos cursos é variable, vai dende as 15 ata as 40 horas, e a inscrición, de balde, está aberta ata este 6 de abril. A formación realizarase entre o 08 de abril ata o 06 de maio e os cursos serán recoñecidos con créditos ECTS pola dirección da Unidade de Igualdade e as persoas que os realicen obterán ademais unha insignia dixital.
A matrícula está aberta a todos os membros da comunidade universitaria, tanto alumnado, como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Os cursos agrúpanse en cinco temáticas: introdución á formación en xénero; educación sexo-afectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade e novas reflexións sobre o sexo/xénero e realízanse co apoio financeiro do Pacto de Estado contra Violencia de Xénero, a través da Xunta de Galicia.
23 opcións para formarse en igualdade
O catálogo de cursos foise ampliando edición tras edición, pero algúns permanecen ano tras ano no catálogo do itinerario, como é o caso de Introdución á perspectiva de xénero; Educación afectivo-sexual; Economía de xénero; A perspectiva de xénero na educación ou A sustentabilidade da vida no centro. Conciliación e corresponsabilidade. As persoas interesadas poden inscribirse en cantos cursos queiran e na orde que prefiran, pero dende a Unidade de Igualdade recomendan que, no caso de non ter formación previa neste eido, comenzar polo curso de Introdución á perspectiva de xénero para coñecer mellor algúns conceptos básicos sobre xénero.
Respecto dos contidos, o primeiro bloque temático, de carácter introdutorio, comprende sete cursos: Inclusión da perspectiva de xénero na docencia universitaria; Tres pensadoras na historia da teoría feminista; Machismo dixital. A manosfera; Introdución á perspectiva de xénero; Economía de xénero; A comunicación e o xénero e A perspectiva de xénero na educación.
No bloque centrado na educación sexo-afectiva ofértanse dúas formacións: Educación afectivo-sexual e Pensar o amor no século XXI. O terceiro bloque temático céntrase en ciencia, tecnoloxía e xénero e comprende catro cursos: Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC; Mulleres e ciencia; A inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e Intelixencia artificial e xénero.
As políticas de igualdade conforman o cuarto bloque, con tres formacións: Normativa básica de xénero; A sustentabilidade da vida no centro. Conciliación e corresponsabilidade e Políticas públicas de igualdade. Finalmente, o quinto bloque céntrase nas novas reflexións sobre o sexo/xénero e oferta cinco formacións sobre O xénero e o sexo no século XXI; Novas masculinidades; Deconstruír o discurso prehistórico dende o feminismo; Pornografía e, finalmente, A prostitución no marco do capitalismo neoliberal.
Na web da Unidade de Igualdade pode consultarse a totalidade dos cursos, con información detallada de cada un deles (duración, horarios, docentes, programa…).