Con actividades ao abeiro do plan 'Ciencia de ida e volta' da UCC+i
A UVigo reivindica, no Día Mundial da Auga, a importancia do acceso universal a este recurso e o seu saneamento
A través dunha serie de podcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
A Organización das Nacións Unidas celebra cada 22 de marzo o Día Mundial da Auga, co obxectivo de difundir a relevancia que ten a auga doce para o planeta e a necesidade de combater a súa escaseza en todo o mundo. Neste 2024 o lema escollido é Auga para a paz, facendo fincapé no papel deste recurso para a promoción da harmonía e prevención de conflitos. A Universidade de Vigo tamén se suma a esta conmemoración cunha serie de actividades que buscan concienciar da importancia do acceso universal á auga potable e o seu saneamento. As acción principais deseñadas pola institución académica son unha serie de podcast realizados por persoal investigador e un concurso escolar de microrrelatos.
Persoal investigador e escolares, xuntos nunha serie de podcast
No referente aos podcast, estréase unha serie composta de cinco capítulos nos que se aborda a importancia da auga dende diferentes ramas do coñecemento, da ecoloxía ao turismo, pasando polo termalismo ou a descontaminación. Cada peza, que se emitirá periodicamente dende este 22 de marzo, ten un ton divulgativo e trata de achegar á sociedade o traballo do persoal docente da UVigo, neste caso coa colaboración dos investigadores Roberto Bustillo, Sofía Salgado, Verónica Poza, Diego Fernández, Elisa Alén e Pedro Araújo. Esta actividade enmárcase dentro do plan Ciencia de Ida e Volta, organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
A primeira peza, que se estrea hoxe venres, está protagoniza polo catedrático de Dereito Administrativo e coordinador do Grupo de Innovación docente Medea Iuris, Roberto Bustillo, xunto con Sofía Salgado, bolseira de colaboración no Departamento de Dereito Público e tamén membro do mesmo grupo. O podcast foi grabado no CEIP de Laredo, en Chapela, onde os investigadores foron entrevistados por Martina e Breixo sobre a auga e o dereito.
Ata o mesmo centro tamén se trasladou Verónica Poza, doutora en Enxeñaría Química e membro do grupo de Bionxeñaría e Procesos Sostibles (Biosuv) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), para explicar a nenos e nanas aspectos relacionados coa descontaminación de augas mediante a aplicación de tecnoloxías limpas e novidosas.
O terceiro podcast tamén se realizou en colaboración co alumnado do CEIP de Laredo. O protagonista é Diego Fernández, físico e doutor en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión e membro do Grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo. Xunto co alumando do colexio tratou cuestións relacionadas cos eventos hidrolóxicos extremos e as consecuencias do cambio climático, sobre todo, na conca do río Miño.
O cuarto episodio está protagonizado polo decano da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e profesor titular na Área de Xeodinámica Externa, Pedro Araújo. Dende a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, aborda contidos relacionados coas augas termais. Por último, Elisa Alén, profesora titular do Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia, achegarase tamén a temática do termalismo, pero dende unha vertente máis turística.
Para esta serie de podcast a UCC+i contou coa colaboración do xornalista Gabriel Fuentes, dinamizador do programa da CRTVG Dígocho eu.
Concurso escolar de microrrelatos
Ademais da serie de podcast, a programación da UVigo complétase co concurso escolar de microrrelatos Auga = Vida: doce, limpa e potable. Dirixido a alumnado de 5.º e 6.º de primaria, ESO e bacharelato, os participantes deberán presentar un texto cunha extensión máxima de 200 palabras sobre a importancia da auga doce para a vida. O prazo de entrega dos relatos estará aberto ata o vindeiro 1 de abril. O xurado, formado por expertos en divulgación e comunicación, valorará a creatividade e orixinalidade dos relatos. O concurso contará con tres premios (valorados en 250 euros cada un), e consistirán nunha experiencia lúdica relacionada coa auga.