Nos tres campus a partir das 20.30 horas
A UVigo tínguese de azul para conmemorar o Día Mundial do Autismo
Hai 15 anos Autism Speaks, unha das entidades de investigación e estudo do autismo máis importantes do mundo, puxo en marcha Light It Up Blue, Ilumínao de azul, unha iniciativa destinada a sensibilizar á cidadanía sobre os dereitos das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). A Universidade de Vigo súmase este 2 de abril a partir das 20.30 horas, aínda que a Casa das Campás xa o fixo onte, iluminando de azul catros dos edificios dos seus campus: a Escola de Enxeñaría Industrial de Torrecedeira e o edificio Redeiras en Vigo; a Casa das Campás en Pontevedra e o edificio Politécnico en Ourense. “O obxectivo deste acto é concienciar, sensibilizar e promover a plena inclusión das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) na nosa comunidade”, explica Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade da UVigo, impulsora da iniciativa
A Unidade súmase, así mesmo, a Autismo España na súa acción desenvolvida baixo o lema SomosInfinitos que lembra que non existen dúas persoas con autismo iguais, contribuíndo a superar prexuízos e estereotipos sociais, amosando as características, fortalezas e intereses singulares que comparten as persoas con TEA a diario no traballo, nos estudos ou no ocio. “Son suxeitos activos aos que lles debemos facilitar unha serie de apoios para favorecer o desenvolvemento de todas as súas potencialidades, pero non dunha forma asistencial, senón conformando unha rede de recursos especializados que melloren a súa autonomía funcional e social”, sinala Rey, que anima á comunidade universitaria a sumarte a estas iniciativas a través dos seus perfís de redes sociais os hashtag #IluminadeAzul #LIUB #DíaMundialAutismo.
Potenciando desde a UVigo o desenvolvemento das persoas TEA
Rachar cos falsos mitos deste trastorno e brindar a posibilidade de que as persoas con diversidade funcional poidan adquirir maiores habilidades para a vida e o desenvolvemento social capacitándoas nas competencias profesionais e persoais que a vida laboral lles requirirá nun futuro “é a contribución que, con responsabilidade, debe potenciar a universidade”, asegura a directora da Unidade de Diversidade. Neste sentido, Rey incide no compromiso da UVigo pola inclusión que defende a institución para favorecer o acceso, participación e éxito non discriminatorio na educación superior do estudantado con TEA. “Así, a través de actividades de sensibilización como esta, a UVigo toma consciencia da realidade da nosa universidade actual, cada vez máis plural e diversa”, explica.
Charlas en Ourense
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense súmase á celebración Día Internacional do Autismo cunha xornada na que haberá charlas impartidas por docentes sobre diferentes temas en relación con este trastorno; unha sección para conversa entre familias sobre a convicencia con persoas con TEA e finalmente o médico de familia Alfredo Valdés responderá ás dúbidas que xurdan. Desenvolverase a partir das 17.00 horas en Tu BicadaTropik.