DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou este venres a Ecimat

A Xunta de Galicia destaca o traballo do CIM nas áreas de cambio climático e biotecnoloxía azul

Acompañado polo reitor, comprometeuse a seguir reforzando a aposta do executivo galego por este cent

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 04/04/2025

A Xunta de Galicia comprometeuse este venres  a seguir apoiando o traballo que se está a realizar desde o Centro de Investigación Mariña, CIM, da Universidade de Vigo, integrado na actualidade por preto de 200 investigadores e investigadoras. O anuncio realizouse durante a visita á Ecimat do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, quen destacou especialmente, as áreas de traballo referidas ao cambio climático e a biotecnoloxía azul e  puxo en valor o apoio do goberno galego a este centro no que leva investido case 5 M€ a través das convocatorias dos centros de excelencia e de equipamento científico, entre outras.


Díez de Castro chegou acompañado pola subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; a xefa do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación, Mercedes Vázquez; e o xefe de servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica, Javier Salado. A comitiva foi recibida polo reitor, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director do CIM, Daniel Rey, e o director da Ecimat, José Manuel García, entre outros responsables da institución académica viguesa.

Moitas expectativas para un futuro na ETEA

“Para nós é unha grande oportunidade que a Secretaría Xeral de Universidades visite o CIM, un centro Cigus, o mellor centro de investigación en temas mariños co que contamos na comunidade autónoma e que eu agardo que sexa o cerne de algo aínda máis potente no futuro”, explicou o reitor durante a visita, ao que engadiu que “hai moitas capacidades a desenvolver aquí e agardamos conseguir as axudas necesarias para elevalo a un nivel aínda maior, o que agardo poida facerse realidade na ETEA”, recalcou Reigosa.

Pola súa banda, o secretario xeral, José Alberto Díez de Castro, destacou, ao igual que xa fixera na súa visita aos outros centros Cigus da UVigo, “a modernización das instalacións e o “gran nivel” dun persoal investigador que está metido de cheo en grandes proxectos, así como na súa inserción en redes internacionais, “o que é moi positivo non só para a Universidade de Vigo, senón para toda Galicia”. Neste senso, Díez de Castro confirmou que desde a Secretaría Xeral de Universidades se tratará de seguir apoiando os investimentos máis importantes, xa que, tal e como destacou “o CIM é un dos centros máis vinculados co sector económico galego, no en van, a pesca e o marisqueo forman parte da propia identidade de Galicia”.

Durante a visita, o persoal investigador e técnico do CIM presentou as fortalezas do centro nas súas catro áreas prioritarias de impacto: acuicultura sostible, dixitalización mariña, biodiversidade e adaptación ao cambio climático, e sostibilidade oceánica. En particular, o director do CIM destacou “as capacidades do centro en biotecnoloxía mariña, tanto desde unha perspectiva básica como aplicada, cunha forte especialización en acuicultura alimentada e non alimentada, abarcando desde a nutrición e o benestar das especies ata a reprodución, xenética, inmunoloxía e criopreservación”. “Estes coñecementos transfírense activamente ao sector produtivo galego mediante servizos prestados desde a ECIMAT, incluíndo ensaios na batea experimental e instalacións específicas de cultivo”, engadiu.

Aposta estratéxica pola dixitalización

Ademais, púxose en valor a aposta estratéxica do CIM pola dixitalización e a xestión de open data, con plataformas que permiten a monitorización automatizada do medio mariño mediante sensores instalados en infraestruturas como a batea experimental da ría de Aldán ou o buque oceanográfico CIM UVigo, integrando sistemas de transmisión de datos en tempo real. Daniel Rey afirmou que “estes recursos sitúan ao CIM como actor clave na creación do Digital Twin de Galicia e no desenvolvemento de sistemas intelixentes de alerta temperá, aplicando modelización ambiental e intelixencia artificial”.

No ámbito da adaptación ao cambio climático, púxose en valor a investigación centrada na resposta de ecosistemas e comunidades mariñas ante fenómenos extremos e tendencias a longo prazo. Neste marco, o CIM está a desenvolver proxectos innovadores de rewilding mariño e solucións baseadas na natureza (Nature-Based Solutions, NBS), como alternativas para a restauración ecolóxica e a mellora do estado ambiental das costas galegas.

Tamén se subliñaron as contribucións do CIM á conservación e xestión sostible do medio mariño, a través de liñas de traballo consolidadas en cartografía de hábitats, modelado ambiental e apoio á implantación de enerxías renovables mariñas, un ámbito no que o centro participa activamente no asesoramento e no desenvolvemento de ferramentas que faciliten a toma de decisións baseada en coñecemento científico.

Proxección global da investigación mariña feita en Galicia

A Ecimat, infraestrutura onde se desenvolveu a visita, está recoñecida como Centro de Apoio á Investigación (CAI)da Universidade de Vigo e forma parte da infraestrutura europea EMBRC-ERIC (European Marine Biological Resource Centre). O director do CIM recoñeceu que “esta integración converte ao centro nun referente internacional, que fomenta a interacción e mobilidade de persoal investigador a nivel europeo e internacional, reforzando a proxección global da investigación mariña desenvolvida desde Galicia”.

Tras o encontro, a comitiva desprazouse aos estaleiros Rodman, en Meira, onde tivo a oportunidade de coñecer os equipamentos instalados no buque oceanográfico CIM UVigo, o primeiro buque comercial híbrido de España. A visita permitiu coñecer o avance das tarefas de dotación científica desta infraestrutura estratéxica, na que a contribución da Xunta está sendo clave para equipalo con capacidades de observación e prospección mariña state-of-the-art, posicionando a Galicia no mapa da investigación oceanográfica internacional.