A Facultade de Filoloxía e Tradución é a que máis estudantes acolle, chegados maiormente de Polonia
130 alumnos procedentes de 17 países elixen Vigo para completar os seus estudos
Presentáronlles a oferta académica, cultural e deportiva para este segundo cuadrimestre
Unha nova etapa chea de actividades académicas e de lecer é o que lle espera aos 130 alumnos estranxeiros que se incorporan este segundo cuadrimestre á Universidade no campus vigués. Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, foi o encargado de darlles a benvida a todos eles nun acto no que, representantes das diferentes áreas e servizos, presentáronlles a oferta cultural e deportiva da que poderán disfrutar. Area desexoulles “unha boa estadía” na cidade olívica convidándoos a un almorzo ao finalizar o acto.
Filoloxía e Tradución, principal destino
A comezo deste curso 2008/2009 un total de 491 alumnos estranxeiros comezaron a súa estadía na Universidade de Vigo a través dos diferentes programas de intercambio, 359 no campus vigués. Agora, no segundo cuadrimestre incorporáronse 189 estudantes máis, dos cales 130 se quedarán en Vigo. Por centros de destino, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolle a maior parte destes estudantes, con 76 matriculados nas súas aulas. 20 acudirán a clase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, 14 na ETS de Enxeñeiros Industriais, 6 na EU de Estudos Empresarias, 5 na Facultade de Química, 3 na Facultade de Ciencias Xurídicas, 2 na ETS de Enxeñaría de Minas e a EU de Enxeñería Técnica Industrial, a Facultade de Bioloxía, a de Ciencias do Mar e a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, terán, respectivamente, un alumno estranxeiro por centro.Polo que respecta á procedencia, Polonia e Estados Unidos son os países maioritarios con 23 alumnos cada un deles; seguidos de Alemaña con 18, 13 de Francia e 11 de Reino Unido. 8 dos estudantes proveñen de Italia, 6 do país veciño Portugal, 4 da República Checa e outros tantos de Eslovaquia; os restantes proceden de diferentes universidades belgas, brasileiras, romanesas, chilenas, cubanas, finlandesas, arxentinas, austríacas e mexicanas.
Actividades culturais e deportivas
A oferta de actividades culturais foi presentada por Alfonso Caride quen lles explicou que “se fará todo o posible para a vosa formación se complete cunha serie de actividades que axuden a desenvolvervos como persoas”. Neste senso, faloulles da oferta musical, de teatro, espectáculos de rúa, ciclos de cine, exposicións, conferencias, concursos, obradoiros e cursos de extensión universitaria durante o verán. Así mesmo, indicoulles que poderán estar informados de toda esta oferta a través de mensaxe de móbil, rexistrándose na web http://sms.uvigo.es.Ademais de cursos de linguas e actividades culturais, os estudantes tamén teñen a opción de practicar deporte. Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, foi o encargado de motivalos presentándolle o programa de actividades deportivas e as instalacións dispoñibles no campus. Deste xeito, Rial animounos a participar nas escolas deportivas, no programa de competicións, nas rutas culturais e noutros cursos como o de esquí, surf, rafting ou parapente, “sen esquecer a vindeira carreira dos 10 Km Cidade Universitaria”, da cal se lle proxectou un pequeno vídeo da edición anterior.
Pero a oferta non remata aquí, Anselmo Seoane, director da Oficina de Relacións Internacionais, indicoulles dous apuntamentos máis: excursións a Baiona, a O Porto e a praia de Lanzada e a posibilidade de participar nun proxecto da Xunta de apoio aos profesores de inglés e francés en diferentes institutos de Vigo e comarca, “unha experiencia interesante que leva consigo, ademais, unha achega económica de 30 euros a hora” sinalaba Seoane.
Cursos de linguas
O director da Área de Normalización Lingüística, José Henrique Costas, sinaláballes a existencia do curso Galicia culture course e do Galician language summer, recordándolles que “estades nun país atlántico, cunha lingua historicamente semellante ao portugués falada por máis de dous millóns de persoas”. Costas vendeulles Galicia falando da súa cultura, das súas costas e praias, montañas, vales e ríos, das tradicións milenarias, da música e da literatura como a mellor da Península Ibérica; “somos un pais cunha cultura rica, grande e diferente ao resto de España". Pola súa parte, Miguel Pérez, do Centro de Linguas faloulles dos diferentes cursos que poden realizar facendo especial fincapé na axuda prestada para a preparación do exame oficial DELE (Diploma de Español Lingua Estranxeira).Vigo, un atractivo destino para máis dun cento de estudantes
Para moitos destes estudantes esta é a primeira vez que veñen a Galicia, e incluso a España, é o caso de Saara Rasilocinen, procedente de Finlandia que acude a Vigo para estudar o último curso da Licenciatura de Filoloxía Inglesa, “quería vir a España e a cidade de Vigo gustoume moito”. Chegada dende máis preto, Lúcia Peixoto ven da localidade portuguesa de Faro para realizar o proxecto fin de carreira en Bioloxía Mariña, “pareceume axeitada a proposta de traballo que recibín por parte dun profesor da Universidade de Vigo e decidinme a vir” comentaba.Pero tamén hai estudantes do outro lado do océano. Da Universidade de Matanzas, en Cuba, ven Mayren Echevarría para traballar no grupo de investigación ENCOMAT e levar a cabo o seu estudo predoutoral en Enxeñaría Química Industrial; “a miña participación nun proxecto financiado pola UE no que levan traballando durante un ano dúas universidades cubanas e a de Vigo, xunto co prestixio e recoñecemento deste grupo, foi a miña motivación” explicaba Echevarría. Unha historia diferente e curiosa é a de Frank Bruckner, chegado dende os Estados Unidos para estudar Tradución e Interpretación, pois anos antes o seu irmán tamén participara no programa ISEP, “foi el quen veu primeiro a estudar a Vigo, eu vin varias veces visitalo e decidín que faría o mesmo” comentaba.