DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As probas dispútanse este mércores e xoves

130 deportistas de 21 universidades participan no Campionato de España Universitario de Remo que se disputa en Castrelo de Miño

Enmarcado nos proxectos da candidatura de Vigo á Universiada de 2013

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 29/04/2008

130 deportistas procedentes dunha vintena de universidades españolas danse cita este mércores e xoves na localidade ourensá de Castrelo de Miño para participar no III Campionato de España Universitario de Remo 2008. Organizado polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e o Club Náutico de Castrelo de Miño, en colaboración coa Federación Galega de Remo e o concello ourensán, a competición enmárcase nos proxectos de candidatura de Vigo á Universiada 2013. Concretamente é o primeiro dos catro campionatos de España universitarios que a Universidade de Vigo ten previsto realizar este ano e que abarcarán as modalidades de taekwondo, vela e orientación.
O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, agradeceu a todas as entidades organizadoras o seu esforzo e explicou que a celebración do evento en Ourense "é unha gran sorte xa que vai ser fundamental para a Universidade de Vigo, e para o campus porque se se fan as cousas ben e conseguimos ser sede da Universiada, todo o relacionado co remo podería vir para Ourense, e concretamente, para Castrelo de Miño”. Precisamente por iso, “é imprescindible, contar coa colaboración de diferentes entidades, como neste caso a Consellería de Cultura e Deporte ou a Deputación Provincial, entre outros” engadiu.
Os participantes na tercera edición do campionato competirán en oito modalidades, cinco de remo masculino e tres de feminino. Todas elas disputaranse na distancia de 1000 metros en campo de regatas albano de mínimo seis rúas. A competición, segundo explicou Rodrigo Alberte, técnico do Servizo de Deportes de Ourense "celebrarase coas tradicionais fases eliminatorias. O mércores terán lugar as eliminatorias e as semifinais e ao día seguinte pola mañá, as finais. E por último, ás 14.30 horas, a entrega de trofeos aos vencedores” engadiu.
O evento, encadrado no convenio de Colaboración co Consello Superior de Deportes, permitirá, segundo o técnico “demostrar as capacidades que temos para a organización de eventos deportivos de cara á consecución da Universiada, polo que agardamos que sexa un éxito”.

Posta en valor de Castrelo de Miño

Pola súa banda, o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, remarcou que “somos conscientes de que temos un gran potencial tanto polo complexo de turismo náutico, como polo Parque Náutico de Galicia, pero aínda así somos un concello moi descoñecido, incluso en Ourense”. Para loitar contra iso, “un dos principais obxectivos que temos é acoller iniciativas como esta para poñernos en valor e dar a coñecer os nosos puntos fortes. Neste senso, para unha localidade de 2000 habitantes, a colaboración coa Universidade de Vigo, como representantes ourensáns na candidatura á Universiada, é un orgullo e unha responsabilidade moi grande, na que esperamos estar á altura” concluíu.

Terceira edición do campionato

A edición do campionato que este mércores e xoves se disputará en Castrelo de Miño sucede as que en anos anteriores tiveron como escenario Banyoles e Sevilla. No ano 2006 foi a Universidade de Girona a encargada de organizar a primeira edición do campionato de España Universitario de Remo, tomando o relevo ao ano seguinte na organización do evento a Universidade de Sevilla. No 2007 e nas instalacións do Centro de Alto Redemento da Illa da Cartuja, un total de 21 universidades e 130 deportistas participaron na segunda edición do campionato no que precisamente a Universidade de Sevilla proclamouse campiona.