DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aniversario da ETSE de Minas

15 anos de tradición e esforzo cun futuro de vangarda e innovación

O acto reuniu a alumnos, egresados, profesores e empresarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/11/2007

Viva e activa. Así definiu o reitor, Alberto Gago, a titulación de Enxeñaría de Minas no acto de celebración do 15 aniversario destes estudos na Universidade de Vigo. Segundo Gago, este tempo permite “ter unha vitola de madurez e consolidación da que a escola pode presumir”, aínda que tampouco se esqueceu dos difíciles inicios que “serviron para que, co tempo, o centro se fixese cun sitio estable na Universidade e un oco exclusivo no Sistema Universitario de Galicia”.
Este acto contou coa presenza de estudantes, antigos alumnos, profesores e representantes do tecido empresarial, aos que se dirixiu o director da ETSE de Minas. Pedro Arias agradeceu a colaboración das empresas e institucións coa escola como empregadores, pero tamén como demandantes de innovación e modernidade e apostou “por incrementar estes lazos” destacando o traballo dos grupos de investigación de recoñecemento internacional que teñen o seu centro de referencia na escola e que “están en posición de colaborar tanto co sector público coma co privado, apostando pola I+D+i na busca dunha mellora competitiva que é unha obriga social en termos de país”. Como recoñecemento a esta importante colaboración, fíxose entrega duns diplomas ás empresas e asociacións que colaboran coa escola.
Pero os alumnos actuais e os egresados tiveron o papel central do acto, coa entrega das insignias ás promocións VI, VII, VIII IX e X e os diplomas aos mellores Proxectos Fin de Carreira destas promocións, así como os diplomas aos mellores profesores das mesmas.
Aos alumnos referiuse tamén o reitor, que subliñou que “este é un momento de autoafirmación polo traballo desenvolvido nestes anos, pero tamén de conxura cara ao futuro para os estudantes, que estades xa preparados para comezar a vosa auténtica aventura profesional”. Para eles tivo palabras tamén Pedro Arias, que apuntou que nestes 15 anos foron arredor de 1000 estudantes os que pasaron polas aulas da ETSE de Minas, “moitos deles xa profesionais consolidados que están a desenvolver unha importante labor nun sector clave”. Con todo, Arias lembroulles a todos eles que “esta sempre será a vosa escola da que, durante uns anos, pode que algúns dos máis importantes da vosa vida, lembraredes vivencias, amizades e tamén coñecementos”.
De cara ao futuro, Arias referiuse ao reto que representa a adaptación ao EEES que a escola comezará a levar a cabo o vindeiro curso 2008-2009. "Poderemos ter un centro que responda ás necesidades cambiantes de Europa e a súa economía; o camiño é arduo aínda que o percorremos con ilusión de transformación e modernización".

Un sector estratéxico

O aniversario contou tamén coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que salientou o importante papel da Universidade no desenvolvemento da cidade. Segundo explicou “a Universidade é un núcleo central de Vigo, os seus centros e, sobre todo, as escolas de enxeñaría que nutren á cidade de persoas cunha formación técnica excepcional”. Neste sentido, o acto tamén serviu para reivindicar o momento importante polo que pasa esta profesión, xa que na actualidade é a enxeñaría con menos paro, en boa medida polo amplo campo de traballo que teñen os titulados: unicamente o 6 % o fai no sector da explotación mineira. Con todo, de cara ao futuro, os novos profesionais neste campo contarán cunha Lei de Ordenación de Minería, segundo explicou Emilio Nogueira, secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria: “convertémonos así na primeira Comunidade Autónoma cunha lei propia de minería que garanta a sustentabilidade, a protección do medio ambiente e os criterios de seguridade”.
Tamén sobre o sector mineiro, que representa unha das moitas saídas laborais dos egresados, versou a lección maxistral. Impartida por Miguel Ángel Remón, vicepresidente executivo de Explotación e Produción de Repsol YPF, afondou no ámbito do petróleo e do gas, nos seus prezos de mercado e no impacto dos mesmos na sociedade.
O acto rematou cunha pequena recepción aos asistentes, seguida dunha tirada de fogos de artificio, que puxeron o toque de cor ao acto institucional.

15 anos en cifras

Os estudos de Enxeñaría de Minas botaron a andar ligados á ETS de Enxeñeiros Industriais, xa que constituían unha titulación conxunta. Foi en 1992 cando a Xunta de Goberno da Universidade de Vigo aprobou un plan de estudos propio para Enxeñaría de Minas. Homologado polo Consello de Universidades tamén en 1992, a docencia comezou a impartirse no curso académico 1992-1993 e no 2000 créase a ETSE de Minas no campus de Vigo. A fin deste proceso ten lugar en 2005 coa inauguración do edificio da escola como sede da titulación.
A ETSE de Minas é unha das catro escolas que imparten esta titulación en España, a única en Galicia. Nestes 15 anos de docencia, do centro saíron arredor de 350 enxeñeiros que, repartidos nun total de 10 promocións, están cualificados para desenvolver a súa traxectoria profesional en campos tan diversos como a obra civil subterránea, a xestión de recursos naturais, auga, medio ambiente, enerxías renovables ou novos materiais. A evolución da escola queda reflectida no paso dos 10 enxeñeiros de Minas que recibiron o seu título na primeira promoción aos 64 egresados en 2007.
Para facer posible esta formación de calidade, na escola desenvolven a súa labor docente e investigadora preto de 80 profesores ao tempo que se manteñen convenios de intercambio con 15 institucións similares nacionais e estranxeiras. Ao tempo, a ETSE de Minas conta tamén cunha estreita e necesaria relación co tecido empresarial, tanto para a realización de prácticas por parte dos estudantes como para o desenvolvemento de proxectos de investigación por parte dos docentes. Nestes 15 anos, os alumnos da escola teñen realizado arredor de 400 prácticas preprofesionais en empresas punteiras de distintos sectores relacionados coa titulación.