DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organziada pola delegación de alumnos da ESEI, cumpre dez anos

150 incondicionais da informática compiten nos xogos e torneos da "Scul Party"

Tamén inclúe xogos de mesa e actividades ao aire libre

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 07/05/2010

Torneos de Counter Strike, un xogo bélico de fama internacional; xogos de mesa como o ping-pong e o póker ou actividades ao aire libre, todo iso sen esquecer a Play Station e a Wii constitúen os ingredientes básicos do programa da Scul Party 2010, unha actividade organizada pola delegación de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) que chega este ano á súa décima edición. Coa participación de 150 incondicionais da informática chegados dende todos os recunchos de Galicia, a Scul Party comezou este venres na sala de estudo do Edificio de Ferro e prolongarase ata a tardiña do domingo. O cento de participantes desta décima edición comparten unha mesma afección polas novas tecnoloxías. Nas palabras de Carmen Susana Álvarez, unha das organizadoras, “os máis frikis poden ter conversas a gusto sobre temas informáticos e os menos descargar películas, series e música e compartilo co resto dos participantes”.

Divertirse e aprender entre teclas

Os organizadores do evento subliñan a reunión e o intercambio de coñecementos e de amizade entre os participantes como algunhas das principais características da Scul Party. Segundo explica Carmen Susana Álvarez, “a maior parte dos asistentes son mozos e mozas pero a xuntanza está destinada a todas as persoas interesadas no mundo da informática e da tecnoloxía en xeral, independentemente da súa idade. De aí que un dos obxectivos sexa precisamente o de conseguir que se produza ese achegamento entre persoas de distintas xeracións unidas pola informática”, sinala. Unhas palabras compartidas tamén polo vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez e polo director da ESEI, Enrique Barreiro, no acto inaugural do evento. Barreiro fixo especial fincapé na importancia do certame como punto de encontro e reunión de persoas de toda Galicia interesadas polas novas tecnoloxías. Segundo afirmou, “esta iniciativa permítelles aos participantes xogar pero tamén aprender xa que ao longo destes días se lles van propor complicados problemas de programación nos que deberán empregar moitas horas e esforzo”. O profesor Barreiro subliñou tamén a consolidación da iniciativa neste décimo aniversario e apostou por un novo reto. “Penso que o obxectivo agora é darlle un novo impulso para conseguir achegar esta actividade a todos os mozos e mozas da cidade”, declarou. Gálvez e Barreiro mesmo se atreveron a compartir uns minutos con algúns alumnos e alumnas participantes xogando a Guitar Hero.

Sete euros por compartir xogos durante tres días

Os participantes na Scul Party asisten cos seus equipos o que lles permite intercambiar ficheiros, xogar en rede e incluso adquirir novos coñecementos e formación no mundo dixital. Entre os torneos nos que poderán competir Carmen Susanah Álvarez subliña dous: o Call of Duty, un xogo bélico de acción en primeira persoa e o Need For Speed, unha saga de videoxogos de carreiras e para todos eles a organización ten preparados xa “novos e mellores premios”. Os promotores da iniciativa subliñan tamén a boa aceptación que están a ter os xogos ao aire libre “nos que sempre hai un montón de persoas inscritas que precisan estirar as pernas despois de tantas horas diante da pantalla”.
O espazo ten capacidade para acoller a 200 persoas, polo que todos os interesados en participar aínda se poden inscribir pagando unha cota de sete euros á entrada da sala. Hai tamén unha aula habilitada para que os asistentes poidan descansar ou durmir e poderán utilizar as instalacións do pavillón para a hixiene persoal.