DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concello, Universidade e plataforma cidadá de apoio á candidatura celebran o ditame do CSD

2013 globos e un brindis para festexar a designación de Vigo como candidata española para organizar a Universiada

Este venres comeza a carreira internacional na que Vigo compite con outras cinco cidades

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 11/03/2008

Coa solta de 2013 globos e un brindis, comezarán ás 19.00 horas na Praza do Rei as celebracións pola designación da cidade de Vigo como candidata española para organizar a Universiada de dentro de cinco anos.
Con 15 votos a favor, a candidatura presentada pola cidade de Vigo superou á de Murcia que obtivo 8 apoios dos membros do Consello Superior de Deportes que tamén emitiron 2 votos en branco. Como “un día de festa” describiu o tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez Olveira esta xornada na que se confirmou que a candidatura viguesa representará a España na pugna internacional á que concorren as cidades canadenses de Québec e Edmonton, a rusa de Kazan, a polaca de Poznan e a coreana de Kwang Ju. Domínguez Olveira que compareceu tras coñecer a resolución do CSD acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero ; o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, agradeceu a deportistas, clubes, empresas e cidadanía a súa implicación neste proxecto “sen cores políticas”, dixo.

Universidade con vocación deportiva

Especial agradecemento público tivo o tenente de alcalde para o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e os técnicos da institución académica, por que, afirmou Domínguez Olveira “realizaron un considerable esforzo a prol da candidatura”. Gago que agradeceu as palabras e recoñeceu publicamente o traballo do tenente de alcalde, manifestou a súa satisfacción pola elección da candidatura viguesa ao tempo que recalcou “a importancia que este evento ten para a institución que dirixo, posto que non hai que esquecer que dentro da Universidade están integrados xogadores e atletas de elite, así como unha Facultade de Ciencias da Educación Física e do Deporte”.
O reitor da Universidade de Vigo apuntou, ademais, que a institución traballará intensamente na coordinación do voluntariado “que será decisivo no desenvolvemento dunha competición que terá un importante legado para a cidade”.

Vitoria olímpica

Pola súa banda o alcalde de Vigo demandou aos impulsores da candidatura viguesa que continúen traballando co mesmo espírito “competindo honradamente e con todos os medios ao alcance e tendo en conta que agora contamos co apoio do goberno central”. Caballero que tamén agradeceu o traballo desenvolvido polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira destacou que a opción de Vigo “é sólida e consistente” e que a cidade pode optar a acoller eventos internacionais.
En relación coa decisión do alcalde de Murcia de impugnar o proceso, Caballero amosou o seu recoñecemento á cidade e aos seus habitantes e lamentou “non poder dicir o mesmo do seu alcalde”. Para Caballero, “Vigo gañou con espírito olímpico e non nos preocupan as pataletas”

Comeza a carreira internacional

Unha vez confirmada como candidata española a organizar a Universiada, a proposta viguesa iniciará o vindeiro venres o seu percorrido internacional que a levará a enfrontarse a outras cinco cidades de Europa, Asia e América do Norte. O día 14 unha delegación viguesa viaxará a Bruxelas, á sede da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) para presentar o proxecto co que Vigo aspira a alzarse coa organización da Universiada do 2013.
Integrando esta delegación en representación da Universidade de Vigo estará a vicerreitora de Extensión Cultural, María del Carmen Cabeza que hoxe mostrábase especialmente emocionada pola designación de Vigo como candidata española. Cabeza destacou que o logro “é froito dunha labor de equipo e unha auténtica mostra de cohesión”e animou aos vigueses e moi especialmente á comunidade universitaria a compartir a ledicia que supón a decisión do CSD. A vicerrreitora tamén agradeceu as felicitacións recibidas pola designación, entre elas as das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña.