Os exames terán lugar os vindeiros 17, 18 e 19 de xuño
3658 estudantes examinaranse de selectividade nas comisión delegadas da Universidade
A cifra supón o 42% da totalidade de estudantes que se examinarán en Galicia
Un total de 3658 bachareis presentáranse os vindeiros 17, 18 e 19 de xuño ás probas de acceso á universidade nas comisión delegadas da Universidade de Vigo na que é a última convocatoria organizada de acordo coa LOGSE, xa que o vindeiro ano aplicarase a reforma aprobada polo Goberno en virtude do calendario de implantación da LOE (2006). Son datas de estudo e nervios nas que os estudantes “competirán” por alcanzar algunhas das prazas de novo ingreso que ofrecerán as universidades públicas no curso 2009-2010, nun curso no que, por primeira vez, a maioría das titulacións ofreceranse xa adaptadas a Europa.
Segundo estes datos, aínda provisionais, os 3658 estudantes supoñen o 42% da totalidade de estudantes que se examinarán en Galicia e repartiranse entre as catro comisións delegadas da provincia de Ourense, onde se examinarán 976 estudantes; as dúas de Pontevedra, onde farán o exame 841 mozos e as catro de Vigo nas que farán os exames 1861 alumnos.
Segundo Isabel Diéguez, delegada do reitor da Universidade de Vigo na CIUG, a Comisión Interuniversitaria de Galicia, “en relación ao ano anterior non se observan cambios significativos no número de estudantes matriculados para as probas. A pesares de que o número de estudantes que cursaron este ano 2º de bacharelato era un 10% inferior ao curso anterior, o incremento na porcentaxe de estudantes que superaron o curso reflíctese no mantemento de matrícula para selectividade”.
Os exames das probas sorteáronse en marzo
O curso pasado para examinar e avaliar a 9000 alumnos de toda Galicia, movéronse 25 comisións delegadas, o que supón un equipo de arredor de 600 persoas, entre comisión delegadas e de avaliación. “É un traballo que se visualiza agora con tres días de probas, unha semana de correccións e a entrega de cualificacións, pero que se fornece ao longo de todo o ano”, salienta Diéguez, quen explica para o Duvi todo o proceso de organización das probas.“É un proceso moi pautado. Temos xa un calendario con todo o que temos que ir facendo ao longo do ano”, salienta Diéguez, profesora do Departamento de Organización de Empresas e Marketing na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. “Temos unha reunión fixa todos os venres do ano, onde imos os tres representantes dos reitores e da Consellería de Educación. Reunímonos fisicamente na sede da CIUG”, salienta a delegada do reitor.
O mes de novembro marca para os membros da Ciug o remate dun ciclo e o comezo de outro. “Neste mes remátase co proceso do curso anterior e faise un informe, tanto de acceso como de admisión das tres universidades”, indica. Despois o primeiro que se organiza é o nomeamento dos grupos de traballo formados por profesores de ensino medio e da universidade.
A partir de aí xa empezan a traballar na elaboración de propostas de exame e na elaboración de diferentes documentos que se colgan na páxina web da CIUG para a súa consulta, “sobre todo por profesionais do ensino medio”. No mes de febreiro o director de cada grupo de traballo entrega varios xogos de exames e en marzo fanse os sorteos para organizar toda a loxística.
350 estudantes participaron nas probas de acceso para maiores de 25 anos
Ao mesmo tempo que se sortean os exames das Paau comézase a preparar a proba de acceso dos maiores de 25 anos e prepárase a orde que se publica no DOG e na que se regulan as probas de acceso e admisión. A realización física destes exames lévase a cabo no mes de marzo, o proceso é igual ca o das Paau, pero o volume de traballo non é o mesmo. “A cifra de persoas que se presenta a estas probas vai en aumento, este curso presentáronse 350, cando hai dous anos esta cifra estaba arredor dos 200”, indica Diéguez.No mes de abril prodúcense os nomeamentos das comisións delegadas, encargadas de vixiar as probas e repartir os exames, e tamén das comisións de avaliación, é dicir, dos profesores que terán que corrixir os exames. “Hai algúns profesores que vixían as probas e tamén corrixen, outros só corrixen. Isto débese a que algunhas materias, como pode ser lingua castelá ou lingua galega, necesitan moitos correctores”, explica Diéguez. “Tamén se comproba que non haxa desaxustes entre as aulas que nos ceden os centros e os estudantes que previsiblemente vaiamos a ter facendo os exames”.
Seguindo a orde cronolóxica, en maio ten lugar a matrícula e, en xuño, as probas e correccións, períodos de reclamacións e despois cualificacións definitivas “e aí empezamos co proceso de preinscrición en xullo e xa o primeiro chamamento á matrícula”, recalca a delegada do reitor. Se agosto non é lectivo na Universidade, na CIUG é un mes de intensa actividade, xa que hai que preparar todas as probas de setembro.