42 novos egresados de Ciencias do Mar comezan a súa carreira profesional polos mares e océanos do mundo
O decano do centro, Jesús Souza Troncoso, foi o padriño desta décimo cuarta promoción
Tras cinco anos de formación académica e práctica, 42 novos titulados de Ciencias do Mar recibiron este venres as súas bandas capacitados xa para exercer como oceanógrafos polos mares e océanos do mundo.
Arroupados pola súas familias e amigos, pola vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e polo decano do centro, Jesús Souza Troncoso, que exerceu de padriño, os novos titulados despediron a súa andaina universitaria e deron a benvida a un futuro profesional prometedor. Segundo o decano e padriño “a cidade de Vigo está preparada para absorber a todos os egresados de Ciencias do Mar e os camiños son moi variados, algún seguiredes na Universidade, outros iredes a centros e institutos de investigación, outros á administración e outros á empresa privada, pero en calquera caso o esforzo é a clave”. Souza Troncoso, que se amosou satisfeito e emocionado por ter sido elixido como padriño aconsellou aos seus “afillados” humildade, traballo e ser “ante todo boas persoas”. Sobre a súa formación académica destacou “a alta categoría e consideración da que gozan estes estudos" e o feito de que "son moitos os indicadores de calidade de estudar en Vigo”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez coincidiu co alcalde en destacar a futura Cidade do Mar como gran porta aberta para o futuro profesional. “A cidade ten moita fe na vosa titulación, somos o primeiro posto de pesca para consumo humano do mundo e a demanda da vosa titulación é altísima”, destacou Caballero e engadiu que a Cidade do Mar acollerá nas súas instalación a preto de 350 investigadores e “queremos que se converta no centro máis importante do mundo en investigación mariña”. A vicerreitora quixo poñer tamén as miras dos estudantes neste proxecto da Cidade do Mar e amosouse confiada sobre o futuro laboral “de todos vós”. Vázquez, profesora das catorce promocións que saíron da Facultade de Ciencias do Mar amosouse dobremente emocionada “pola satisfacción de ver como ides aprobando todos e porque, despois dos anos, moitos seguides estando en contacto connosco e nos tedes en conta”.
O acto de graduación con máis humor
Así cualificou o alcalde de Vigo, Abel Caballero a graduación da décimo cuarta promoción de Ciencias do Mar, “e xa teño ido a moitas”. E é que o humor foi o fío condutor do acto, unha liña á que tamén se apuntou o propio alcalde lembrándolle aos novos titulados “que o botellón está prohibido na rúa Loriga” e o decano, que citou a Bill Gates apuntando que “se credes que os vosos profesores son inxustos, esperade a coñecer aos vosos xefes”.Os representantes dos estudantes, Samuel e Fernando, foron os encargados de facer un percorrido polos cinco anos de universidade, en clave de humor, comezando por escenificar “que é unha saída de campo”, algo moi habitual para os estudantes, pero que “nas nosas casas non entenden”. Ataviados co “uniforme” propio para estas tarefas moi habituais na formación práctica dos oceanógrafos, os dous estudantes introduciron aos asistentes “no noso mundo” e nos motivos polos que “decidimos estudar Ciencias do Mar”. Vídeos, fotos e música completaron unha viaxe polos cinco anos de carreira que agora deixan atrás, non sen ofrecer un agasallo, amáis da orla, ao decano e padriño e á secretaria do centro, Mª Amelia Coello.