Co Programa de Becas da Deputación
55 titulados embárcanse nunha nova experiencia internacional
Buscan mellorar en idiomas e adquirir novos coñecementos profesionais
Aprender o idioma do país de destino e adquirir novos coñecementos profesionais que lles permitan mellorar o seu currículum son os dous obxectivos fundamentais dos 55 novos beneficiarios do Programa Europeo de Becas Internacionais da Deputación de Ourense. Este venres tiveron unha xornada de traballo para ultimar os preparativos que os levarán aos seus diferentes lugares de destino: Belfast, Lisboa, Praga, Florencia ou Burdeos, onde permanecerán durante 14 semanas para desenvolver os coñecementos adquiridos durante a carreira en empresas privadas que operan neses países.
Un destes bolseiros é Pablo Meiriño, que estudou Enxeñaría Informática no campus de Ourense e que viaxará a Belfast. Segundo explica, “o meu principal obxectivo é mellorar o meu nivel de inglés e, dende o punto de vista profesional, aprender o máximo posible”. Unha opinión que coincide coa de Miguel Ángel Fernández, que estudou Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo e que viaxará tamén a Belfast. “Estou moi ilusionado co destino e con esa oportunidade, xa que me vai permitir mellorar o meu nivel de inglés e tamén adquirir novos coñecementos para a miña experiencia profesional”, afirma. Marta Ferrón, pola súa banda, fixo a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela e está a piques de partir cara Florencia con dous obxectivos na maleta. Segundo as súas palabras, “o que quero é aprender italiano e coñecer e integrarme na cultura e nos costumes deste país”. A Florencia viaxará tamén Verónica Blanco, licenciada en Ciencias Políticas e diplomada en Protocolo e Relacións Institucionais que aproveitará a bolsa “para adquirir unha experiencia profesional que considero fundamental para acceder ao mercado laboral”, declara.
Para asesoralos nesta experiencia asistiron tamén á xuntanza algún dos estudantes que disfrutaron da bolsa o curso pasado. Este é o caso das estudantes Iria Garrido e Nerea G. Estévez que tiveron a oportunidade de desenvolver a súa profesión en empresas privadas de Belfast e de Praga, respectivamente. Tanto Iria como Nerea cualificaron a experiencia de “moi positiva” e animaron aos seus compañeiros “a aproveitar esta oportunidade ao máximo”. Recomendacións como “vivir a experiencia o mellor posible” ou, no caso de Iria Garrido, “levar un par de paraugas na mochila e un bo abrigo” para todos aqueles que se despracen a Belfast foron algúns dos consellos que lles deron aos novos bolseiros.
Novas experiencias profesionais para mellorar o tecido empresarial do noso entorno
Nesta xornada de traballo Montse Rodríguez, do servizo de Fomento do Emprego, Igualdade e Asuntos Sociais da Deputación deulles aos bolseiros unha serie de instrucións prácticas para facilitarlles unha pronta incorporación aos seus respectivos países de destino. Coñecer o idioma e aprender novas maneiras de traballar son os principais obxectivos da iniciativa e así o subliñou a organizadora. “Con estas bolsas queremos ofertar aos mozos a posibilidade de adquirir experiencia laboral en empresas privadas que operan en diferentes países de Europa. E queremos tamén que todos eses coñecementos adquiridos se trasladen despois ao noso entorno para mellorar o noso tecido empresarial”, declarou.O Programa Europeo de Becas Internacionais é unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Ourense en colaboración coa Universidade de Vigo no ano 2008 cos obxectivos de mellorar as aptitudes e competencias individuais, mellorar a calidade e o acceso á formación continua e mellorar a empleabilidade para a inserción laboral. Os beneficiarios do programa son os titulados universitarios con coñecemento do idioma oficial dalgún país da Unión Europea. Ata o de agora beneficiáronse da iniciativa máis de 150 estudantes e, na última convocatoria, houbo máis de 200 solicitudes.
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, amosou estes datos para subliñar que a aposta da institución que preside por esta iniciativa responde ao interese do organismo por apoiar ao colectivo máis mozo da sociedade porque, segundo afirmou, “investindo en vós estamos investindo en Ourense”. Baltar desexoulles aos novos bolseiros que gocen “dunha experiencia satisfactoria tanto dende o punto de vista profesional como persoal” e lembroulles a responsabilidade que asumen tamén coa aceptación da bolsa. “Lembrade que sodes embaixadores da nosa terra nos vosos países de destino, polo que non esquezades pregoar alí as bondades que posuímos”, declarou. No primeiro trimestre deste ano 2010 a Deputación convocará de novo o Programa Europeo de Becas Internacionais con 35 novas prazas.