O acto de graduación estivo presidido polo reitor, Salustiano Mato
64 novos egresados pechan a súa etapa universitaria na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
José Luis Pego, director xeral de Novacaixagalicia, recibiu a Insignia de Ouro
Alegría, nervios, emoción e consellos para o futuro. Con estes ingredientes desenvolveuse o acto de graduación da XII promoción de Publicidade e RR.PP, a V de Comunicación Audiovisual e a VII de Xestión e Administración Pública, no que 64 egresados recibiron os seus diplomas e bandas desexosos de dar os primeiros pasos no mundo laboral.
Tras a apertura da sesión por Salustiano Mato, reitor da Universidade, o discurso inaugural correu a cargo de Fortunato Rodríguez, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que animou aos novos licenciados a iniciar con ánimo e esperanza a nova etapa que os agarda, sen deixar de reflexionar sobre a formación recibida ao longo da etapa universitaria que, segundo dixo, “representa a época máis feliz da vida e crea un vínculo imborrable cos profesores e coas aulas”. Para enfrontarse aos novos retos e proxectos contan cos coñecementos que recibiron ao longo dos catro anos de estudo e que os teñen formado como “cidadáns conscientes, críticos e solidarios, capaces de crear valor engadido nos ámbitos aos que se incorporen”, engadiu. A modo de consello, o reitor invitounos a arriscar e apostar polos seus soños abrindo novos camiños, xa que se introducen nun sector, o da comunicación, “particularmente complicado pero ao mesmo tempo dinámico polo que ofrece numerosas oportunidades a aqueles que sexan quen de saber aproveitalas”, dixo.
Conscientes da complicada situación económica coa que se van atopar, os novos egresados afrontan o futuro cunha mezcla de optimismo e preocupación, xa que “sabemos que atopar un traballo vai costar moito, pero hai que pelear por el e facerse un oco no mercado”, tal como explica Paco Graña, licenciado en Comunicación Audiovisual. No mesmo coincide a súa compañeira Silvia Martínez, ao afirmar que “a maioría teremos que optar por solicitar bolsas ou irnos fóra de Galicia para ter unha primeira oportunidade”.
José Luis Pego, director xeral de Novacaixagalicia, Insignia de Ouro
Un día despois do nacemento de Novacaixagalicia, José Luis Pego, o seu director xeral recibiu da man de Mato a Insignia de Ouro da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como recoñemento á colaboración que Caixanova ten prestado á Universidade dende os seus comezos.Emocionado por este “regalo”, tal como el mesmo o definiu, Pego aproveitou a ocasión para ratificar o compromiso da nova caixa galega coa institución, xa que “nos quedan moitos retos por marcarnos e outros tantos hitos que lograr como é a adscrición da escola para as administracións públicas que ten a súa sede en Pontevedra”, segundo explicou. Entre os proxectos que ambas entidades xa teñen en común, referiuse á Cidade Tecnolóxica, á inclusión da Escola de Negocios na Universidade, ás cátedras e a Cénit, ”un centro que pretende situar a Galicia na vangarda das comunicacións”.
Tres novos Bolseiros de Honra para a facultade
O acto de graduación das tres novas promocións de egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación serviu tamén para distinguir como Bolseiros de Honra á Empresa R; a Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico; e a Ángel de la Cruz, director de cine e creador de obras tan destacadas como El sueño de una noche de San Juan, galardoada con catro premios Goya á mellor película de animación.Todos eles amosáronse encantados con este recoñecemento e coincidiron en animar aos titulados e tituladas a encarar o futuro con forza e a rematar todos os proxectos que emprendan. “Estamos nunha época dura, pero cómpre lembrar que a humanidade sempre avanzou máis en tempos de crise, nos que hai que apostar pola innovación como estado mental e filosofía de vida”, segundo palabras de Vázquez Mao.
En representación de R acudiu Román Romeral, director de marketing, que tras agradecer a distinción recibida, apuntou á constancia, ao tesón, ao traballo e á forza de vontade como claves do éxito. “O talento é importante e a sorte tamén, pero sen este requisito todo o demais é moi difícil de conseguir”, explicou, e por isto o seu lema é “vence quen persevera”.